• Segue conectado
  • |

O Concello de Salceda acusa ao PP de enganar aos veciños na Sentenza de ARTEPLAN

O Alcalde de Salceda lamenta que o PP de Salceda se poña de parte da empresa ARTEPLAN no seu intento de aproveitarse do diñeiro dos veciños de Salceda
O Partido Popular de Salceda pretende unha vez máis enganar aos veciños e veciñas de Salceda aportando informacións falsas, impropias dun partido ao que se lle paga por facer o seu traballo como oposición responsable.
Salceda de Caselas | É falso, como afirma o Partido Popular “que se condene ao Concello por incumplimento de contrato coa empresa redactora” e é falso tamén ”que a Sentenza anule o contrato asinado posteriormente con Consultora Galega”.
A Sentenza Xudicial “estima PARCIALMENTE” o recurso contencioso-administrativo da declaración de caducidade do procedemento de resolución contractual incoado por parte do Concello de Salceda contra ARTEPLAN, empresa redactora do PXOM segundo o contrato do 6 de Xullo do ano 2004.
O Partido Popular oculta deliberadamente que, a Secretaría Municipal, nun informe do 14/11/2007 “se mostra desfavorable a rescindir de mutuo acordo dito contrato con ARTEPLAN, e decide incoar expediente de resolución culpable por incumprimento do prazo de contrato, propón incautar a garantía definitiva, así como a petición dunha indemnización por parte da empresa ao Concello de Salceda por danos e prexuízos”.
Tamén oculta que o goberno do PP perdeu a subvención de 95.000€ concedida para a redacción do PXOM.
Tal e como aparece na Sentenza, ARTEPLAN, non chegou a cumprir coas obrigas recollidas no Prego de Condicións e moito menos cos prazos aos que se comprometera na súa oferta.
Recoñece tamén a Sentenza, que os profesionais de ARTEPLAN non tiñan adicación exclusiva ao PXOM de Salceda senón que participaron na redacción simultánea no PXOM de Mos, Rianxo, Redondela ou Cangas, o que demostra a desidia e incapacidade material para cumprir co contrato que se asinou co Concello de Salceda, tal e como aparece recollido pola xuíza textualmente: “revelan serios indicios acerca de su desinterés (de ARTEPLAN) en la prosecución de buena parte de esas otras relaciones contractuales”.
Como se deduce en procedementos seguidos nos Concellos de Cangas, Rianxo, Mos, ou nos últimos días en Redondela, onde se levou a PLENO a rescisión do contrato con ARTEPLAN, a empresa utilizou a mesma táctica de non cumprir as condicións contractuais, idénticas neses concellos (redacción do PXOM), solicitando posteriormente indemnizacións por danos e prexuízos a causa dun suposto incumprimento culpable dos Concellos involucrados, cando o único motivo para a paralización deses contratos, foi exactamente a mesma: a súa actitude desidiosa na consecución dos obxectivos da contratación comprometida.
O Concello de Salceda de Caselas actuou sempre en defensa dos intereses económicos dos seus veciños e veciñas, seguindo os informes da Secretaría municipal, e a única razón pola que o Tribunal recoñece unha indemnización de 28.235 € é pola valoración do único traballo realizado pola empresa, a Información Urbanística de Diagnose- fase previa do Plan Xeral, presentado no Concello o 7/02/2006. Só como consecuencia dun erro administrativo, debido a que a propia Secretaria que iniciou o expediente non o rematou, por causa da súa marcha do Concello, e polo tanto non se resolveu a declaración de caducidade culpable, motiva a Sentenza.
É falso que o Concello teña que pagar o aval de 4.183€ xa que os avais son propiedade da empresa, é falso que o pago de 10.157 € efectuado o 8/06/2004 sexa por traballos realizados xa que corresponden ao concepto de sinatura do contrato, e a única cantidade que ten que pagar o Concello é a de 28.235 € máis xuros como pago recoñecido pola sentenza polo único traballo realizado antes citado.
Lamentamos que o Partido Popular se poña de lado de empresas que intentan aproveitarse do diñeiro de veciños e veciñas de Salceda, intentando conseguir nos Xulgados os beneficios que non acadaron cumprindo co seu contrato, e que queda demostrado cando con mala fe solicitan danos e prexuízos por valor de 270.859 €.

Publicado o 8 Mar 2012 en Louriña, Política, Salceda de Caselas, Urbanismo.
AVISO: Esta entrada ten máis de seis meses dende a súa publicación. É posible que o contido esté desactualizado.
Síguenos na nosa canle en TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies