O Concello de Ponteareas adquire obras de Alfonso Pexegueiro

Son dúas novas láminas que renden homenaxe á Menina Agustina Sarmiento

Ponteareas | O Concello vén de adquirir dúas láminas do recoñecido artista e escritor ponteareán Alfonso Pexegueiro. As dúas novas láminas renden homenaxe á Menina Agustina Sarmiento, nada no convento de San Diego de Canedo, nun xesto que busca visibilizar e difundir a figura de Pexegueiro e a da Menina.

Na actualidade o Concello desenvolve diferentes iniciativas orientadas á promoción da creación artística e literaria tales como as xornadas “A Voz e a Palabra” e a exposición “As portadas de Pexegueiro” en Artistea.

ConciliaTea no CEIP As Veigas
O Concello de Ponteareas informa de que 30 nenas e nenos participan esta semana no campamento de conciliación ConciliaTea, unha iniciativa municipal que se desenvolve no CEIP As Veigas e que ten como principal obxectivo facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante os períodos de vacacións escolares.

En horario de mañá, para permitir que as familias poidan continuar coas súas obrigas laborais, o campamento abre as súas portas en cada tempada de descanso escolar, ofrecendo ás cativas/os un espazo seguro, educativo e lúdico no que aprender e convivir.

Desde o Concello sublíñase que os campamentos de conciliación non só cumpren unha importante función social, senón que tamén promoven “o coñecemento, a vivencia de experiencias e a educación en valores”. Nesta semana, as nenas e nenos participantes tiveron a oportunidade de vivir unha actividade moi especial da man da Cruz Vermella, a través da cal puideron coñecer as sensacións e situacións de saúde que poden experimentar as persoas maiores.

Sinala a concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, que mediante dinámicas adaptadas á súa idade, as crianzas puxéronse na pel dos seus avós e avoas, comprendendo mellor os seus ritmos, limitacións e necesidades. Unha experiencia que favorece a empatía, o respecto e a comprensión interxeracional e que está incluída no programa de actividades do convenio asinado entre o Concello e a Cruz Vermella.

O concelleiro de Ensino, Ricardo González, explica que “a través do xogo, as e os pequenos coñecen unha parte da súa contorna e da historia da vila, ao tempo que comprenden unha parte do mundo das persoas adultas, co obxectivo de crear unha sociedade máis inclusiva”. O edil destaca ademais que este tipo de propostas contribúen a formar cidadanía máis sensible, consciente e respectuosa coa diversidade e coas diferentes realidades sociais.

ConciliaTea consolídase así como un recurso fundamental para as familias de Ponteareas, combinando conciliación, lecer educativo e aprendizaxe en valores durante as vacacións escolares.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.