O Concello de Ourense réndelle homenaxe a Alexandre Bóveda

Cumprese o 122 aniversario do seu nacemento

Ourense | O Concello de Ourense rendeulle homenaxe un ano máis ao político e intelectual ourensán Alexandre Bóveda, no 122 aniversario do seu nacemento, nun acto institucional fronte á súa casa natal, na rúa da Barreira, no que participaron representantes de todos os grupos políticos municipais (DO, PP, PSdeG_PSOE e BNG), da Deputación de Ourense e da Fundación Alexandre Bóveda.

A concelleira do goberno municipal Tamara Silva gabou a importancia da figura de Bóveda, “insigne fillo da nosa cidade e mártir do galeguismo”, lembrando “o afán que marcou a súa vida, que non foi outro que a loita polo que entendeu mellor para Galicia e para as súas xentes”.

“A mellor homenaxe que podemos facer á sua figura é converter simbólicamente o seu sangue de mártir no zume da árbore da Democracia. Árbore cuxas pólas son a liberdade de pensamento, a igualdade entre as persoas, a verdadeira xustiza, a tolerancia ante as diferentes opinións, a pluralidade natural das ideas, a supremacía do diálogo sobre o enfrontamento armado. Valores que Alexandre Bóveda defendeu de xeito coherente e por cuxa defensa pagou por desgracia coa súa vida”, manifestou Silva Cid.

“Inspirados polo seu exemplo, continuou a edila, debemos esmerarnos no pulo e na permanencia deses valores, especialmente aqueles que ostentemos responsabilidades políticas e sociais de toda índole. E moi especialmente nestes tempos en que a nivel mundial corren ventos de enfrontamentos internacionais de tipo bélico e de tipo económico que poderían ser caldo de cultivo para a aparición de réximes totalitarios que serían especialmente perigosos para a democracia. Réximes que poderían usar para os seus ditatoriais fins os avances tecnolóxicos do noso tempo”.

Persecución e desterro
“A morte de Bóveda móstranos que os valores demócratas non nacen nin se manteñen de xeito espontáneo, senón que debemos alentalos cada día, pois o seu descoido promove rapidamente os seus antagónicos”, aseverou a concelleira do goberno municipal. Tamara Silva engadiu que na figura de Bóveda “honramos tamén a todas as persoas que en maior ou menor grao sufriron de xeito semellante, naquela altura da historia do noso país e na ditadura posterior, a persecución, a represión, o desterro, e mesmo a morte na defensa das súas ideas”.

Pola súa banda, o secretario da Fundación Alexandre Bóveda, Ernesto Vázquez Rei expresou a satisfacción da entidade porque se siga a organizar “un acto de tal importancia como o que hoxe nos reúne. Celebrar a Bóveda é celebrar a democracia e outros valores como a defensa do territorio ou a defensa da democracia mesma, coa súa vida, como foi o caso de Bóveda”, asegurou.

“Homenaxear a Bóveda é homenaxear a todas as persoas represaliadas polo réxime ditatorial que foi o franquismo en España e celebrar que gozamos duns dereitos e dunhas liberdades que poden verse minguadas en calquera momento”, manifestou.

O acto continuou coa tradicional ofrenda floral fronte á escultura que lembra a Alexandre Bóveda, obra de Buciños, acompañada da interpretación do himno galego, por parte da agrupación Redegaita.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.