O Concello atende as demandas de cobertura do Centro de Saúde da Cañiza

O Alcalde Luís Piña contactou co xerente do SERGAS da Área Sanitaria de Vigo, Francisco Javier Puente Prieto para buscar solucións a este problemática

A Cañiza | Ante a falta de cobertura de postos médicos no Centro de Saúde da Cañiza, que nas últimas semanas deixou un único facultativo para atender o cupo correspondente a tres prazas, o Alcalde Luis Piña informou esta mañá das xestións realizadas dende o Concello, ante a preocupación existente entre a veciñanza para que se garantice unha axeitada atención sanitaria.

Durante o fin de semana e novamente na mañá de hoxe, o Alcalde contactou co xerente do Sergas da Área Sanitaria de Vigo, Francisco Javier Puente Prieto, e reuniuse co Xefe de Servizo do Centro de Saúde da Cañiza, Ángel González, para coñecer de primeira man o estado e as necesidades actuais do Servizo Sanitario.

Neste sentido, comunicou que na mañá de hoxe incorporouse a titular dunha das prazas médicas, que permanecía ata agora de baixa por enfermidade, o que supón unha mellora inmediata na atención sanitaria á veciñanza. En relación coa terceira praza vacante, que se atopaba en situación de excedencia e pendente de cobertura no proceso ordinario regular, trasladóuselle ao Alcalde que xa existen dous posibles demandantes interesados en ocupar dito posto.

A este respecto, o Xerente do Sergas, Javier Puente, manifestou que o organismo autonómico estaba en disposición de avanzar na cobertura inmediata desta terceira praza, co obxectivo de regularizar o servizo e garantir a atención sanitaria axeitada á poboación da Cañiza.

O Xerente tamén comunicou esta mañá que se desprazará nos vindeiros días ata o Centro de Saúde da Cañiza para manter unha xuntanza de traballo co Xefe de Servizo, Ángel González e o Alcalde Luis PIña. O Concello continuará en contacto co Sergas e seguirá facendo o seguimento da situación, co compromiso de defender os intereses dos veciños e veciñas da Cañiza.

Nota ao pe de foto: Alcalde Luis Piña reunido esta mañá co Xefe de Servizo do Centro de Saúde da Cañiza, Angel González.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.