Mos | O Concello de Mos acolleu esta tarde o acto de presentación da Factoría do Deporte Galego–Celta360, un proxecto estratéxico declarado de interese autonómico pola Xunta de Galicia e promovido polo Real Club Celta de Vigo. Cunha previsión de investimento de arredor de 110 millóns de euros, esta actuación supón un fito histórico para Mos, tanto no eido deportivo como no económico e urbanístico.
A nova infraestrutura construirase sobre máis de 150.000 m² de terreo comunal da parroquia de Pereiras, integrándose na contorna da actual Cidade Deportiva Afouteza, e acollerá instalacións como un Miniestadio, espazos para categorías inferiores e o Centro de Investigación e Innovación Deportiva.
O evento, que tivo lugar ao aire libre na Cidade Deportiva Afouteza, estruturouse arredor de sete bloques temáticos, conducidos por Esther Estévez. O público puido gozar de intervencións emocionantes como a de Juan de Castro, neto de Hándicap, de referentes do deporte galego como Teresa Portela, Rodrigo Corrales, María Araújo e Pepe Casal; os futbolistas Damián Rodríguez e Lara Martínez ou profesionais do club celeste como o adestrador Claudio Giráldez, o director deportivo Marco Garcés e Carlos Cao, director de Infraestruturas e Relacións Institucionais do RC Celta, que contextualizaron o proxecto desde a base ata a alta competición.
Un dos momentos máis emotivos do acto foi a intervención da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, que puxo voz ao sentimento colectivo da veciñanza e reivindicou o longo camiño percorrido desde 2017: “Hoxe estou emocionada. É un día histórico para Mos. Un día que resume anos de traballo, de esforzo e de loita por poñer o noso concello no mapa como merece”, proclamou.
Nidia Arévalo lembrou que foi ela quen levou a proposta inicial ao presidente do Celta en 2017, e celebrou que hoxe se materialice “un soño compartido”: “Carlos, conseguímolo. Grazas por crer en Mos. Grazas á Comunidade de Montes, á veciñanza e á Xunta de Galicia por acompañarnos nesta travesía que non foi fácil”. “Este proxecto deixará pegada. Non é só unha construción, é identidade, formación, emprego, innovación. É o futuro de Mos. Hoxe dicimos alto e claro: Somos Celta, somos Mos”, concluíu.
Tamén interviñeron a presidenta do RC Celta, Marián Mouriño, que destacou o papel transformador do complexo para o club e para Galicia, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que reafirmou o compromiso do Goberno galego co deporte como motor de desenvolvemento e que situará a Galicia e a Mos na vangarda.
O acto estivo amenizado polas actuacións musicais do grupo Son de Seu e contou coa lectura final dun texto do poeta Defreds, que puxo o broche poético e emotivo a unha xornada inesquecible para Mos.
O proxecto
A Factoría do Deporte Galego – Celta360 desenvolverase por fases. As fases 1 e 2 da primeira etapa inclúen:
• Movementos de terra e explanación de plataformas.
• Execución de muros de contención e noiros.
• Preparación de espazos para futuros usos deportivos, educativos e científicos.
Todo segundo as previsións do Proxecto de Interese Autonómico aprobado o pasado 14 de abril, con especial respecto polas condicións arqueolóxicas e ambientais do ámbito.