
Malpica de Bergantiños | O Colexio de Educación Infantil e Primaria Milladoiro de Malpica de Bergantiños recibiu esta mañá o I Premio Na lingua que eu falo, creado pola Real Academia Galega coa vontade de recoñecer iniciativas, experiencias ou persoas que, sexa no ámbito escolar ou noutros espazos, destaquen polo seu traballo a prol da normalización do galego entre os nenos e nenas.
“Dise que a infancia é o territorio da esperanza e do futuro, e no CEIP Milladoiro confírmase que o é. Nesta escola escríbese o presente e o mañá, o persoal e o que compartimos, na nosa lingua, e faise con naturalidade, autoestima e creatividade. A súa comunidade educativa simboliza, parafraseando a Castelao, a enerxía colectiva que nunca perece”, salienta o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo.
O Premio Na lingua que eu falo toma o seu nome dun dos poemas dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro. A escolla resalta a importancia que lle concede á RAG á práctica oral cotiá do idioma entre a xente máis nova e a súa aposta por asociala ao ton vitalista destes versos (Que así mo pediron, / que así mo mandaron, / que cante e que cante / na lingua que eu falo).
Henrique Monteagudo destaca que con este recoñecemento a institución aplaude, en primeiro lugar, o labor do equipo docente do CEIP Milladoiro, “que dá o mellor de si cada día para educar cidadáns e cidadás comprometidos cun mundo mellor, desde a renovación pedagóxica e en galego, transmitíndolle ao alumnado o afecto pola lingua, consciente da importancia do emotivo na consolidación de valores e prácticas”.
“O CEIP Milladoiro demostra que é posible, necesario e desexable unha escola en galego. A súa experiencia é un excelente exemplo de como os centros educativos poden ser, no canto de axentes de desgaleguización, como ocorre en tantos casos, espazos de reforzo e de agarimo pola lingua, vinculándoa ademais á tamén necesaria renovación pedagóxica e á transmisión dos nosos valores como pobo e da nosa identidade, en consonancia co pensamento de Castelao que conmemoramos este ano”, engade o presidente da RAG.
“Educar en galego é unha expresión do noso compromiso coa cultura e coa sociedade que nos arrodean. É educar desde a raíz, transmitir valores e formar persoas conscientes da súa orixe e da súa capacidade para transformar o mundo desde o que son”, comparte a directora do CEIP Milladoiro, Ana Seoane Cives, que recolleu o galardón de mans do presidente. “En Malpica o galego é máis ca unha lingua: é un reflexo da nosa maneira de sentir, de vivir e de relacionarnos co mar, coa terra e coa xente. A lingua galega permítenos ademais conectar a realidade local coa global, comprender o noso lugar no mundo e participar del con voz propia. A través dela promovemos o pensamento crítico, o diálogo e o gozo compartido da cultura”, abunda a directora.
O I Premio Na lingua que eu falo é tamén para o alumnado e as súas familias, e mesmo dalgún xeito para “toda a comarca de Bergantiños, que coas mellores taxas de transmisión xeracional da lingua é un exemplo para toda Galicia”, prosegue Henrique Monteagudo. A Real Academia Galega instaurouno ao abeiro do seu proxecto web para o público infantil Primavera das Letras, que coordina a académica Fina Casalderrey e apoia a Deputación da Coruña.
“Quixeramos que tomedes este recoñecemento coma unha sorte de medalla de ouro nunhas olimpíadas. O valor simbólico é inmenso”, díxolles aos nenos e nenas a escritora e mestra xubilada.
Fina Casalderrey conduciu o acto, que acolleu o Centro Cívico de Malpica, canda o alumnado de 5º curso, que foi presentando unha escolma de experiencias do colexio para “coidar e empregar” o galego todo o ano. Cun guión inzado de palabras do seu Dicionario malpicán como atalora, campal, che, meu ou becheche, a achega dos nenos e nenas tivo o seu apoxeo coa interpretación, por parte da rapazada de 6º, da canción Galicia Elemental, creada en comunidade no marco do proxecto documental integrado NÓS: patrimonio in-MATERIAL!
Na quenda de intervención institucionais, tamén interviñeron a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra, e o alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga Veiga. Tras a entrega do galardón, a xornada festiva continuou cunha visita ao centro, onde se serviron uns petiscos preparados polo alumnado na aula de cociña.
Do ‘Dicholeo’, Radio Balea o ‘Galicómic’ ao xogo de mesa malpicán
As mestras e mestres do CEIP Milladoiro traballan para arrequentar un ambiente de aprendizaxe no que o alumnado desenvolva un pensamento crítico, empático e creativo. Neste marco pedagóxico, a identidade lingüística é un concepto e unha práctica transversal que guía, entre outras, propostas como a programación da emisora escolar, Radio Balea; o DichoLeo, centrada na alfabetización audiovisual e na que o alumnado grava pequenas pezas para detectar interferencias lingüísticas e ampliar o seu vocabulario galego; o Galicómic, a serie de banda deseñada na que protagoniza as súas propias páxinas; ou libros de produción propia como o devandito Dicionario malpicán ou o Dicionario mariñeiro, elaborados tamén dándolles protagonismo á rapazada e ás súas familias.
Todas estas experiencias teñen ademais o atractivo dun marcado sentido lúdico, como E ti, de quen vés sendo?, o xogo de mesa con preguntas arredor de Malpica de Bergantiños, outro produto do proxecto Patrimonio In-Material!
Primavera das Letras: historias divertidas e un filme cheo de maxia
Co Premio Na lingua que eu falo Primavera das Letras dá un paso máis na promoción do galego na infancia. O espazo da Real Academia Galega concibido para o público máis novo conta cun portal de seu, primaveradasletras.gal, onde ofrece cada ano actividades interactivas e unha historia arredor da figura á que lle dedica o Día das Letras Galegas.
Neste 2025 dedicado ás cantareiras e á poesía popular oral, a escritora Paula Carballeira, gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática, agasallou os nenos e nenas coa obra teatral As Ferreñas (en vivo e en directo), un hilarante texto para ler ou levar á escena ilustrado por Nuria Díaz.
Baixo o paraugas de Primavera das Letras, A RAG produciu ademais a súa primeira curtametraxe de ficción, A orixe da nosa lingua guapa. A partir dunha idea orixinal de Fina Casalderrey, o filme cóntalles aos cativos e cativas como naceu o galego e o superpoder que teñen de lle dar mil primaveras máis falándoo.
Os protagonistas son alumnos e alumnas do CPI Santa Lucía de Moraña e a profesora Fátima R. Ruibal, a mestra-meiga deste guión que asinou coa académica. Nós, en galego! A nosa lingua guapa!, o retrouso máxico da película, resoou de novo hoxe na festa campal malpicá da Academia.




