O cego dos Vilares.

En 1986 morría na Fontaneira (Concello de Baleira) Florencio López Fernández, máis coñecido polos apelativos de “Florencio da Fontaneira” e “Cego dos Vilares”. Pasou toda a súa vidade desde neno percorrendo feiras e romaxes da contorna da montaña luguesa, cantando romances da súa autoría acompañándose dun violín que aprendera a tocar bantante ben, por certo, cun músico.

Moitos deses romances están recollidos na obra antolóxica “Cantos, Coplas e Romances de Cego”, da autoría de Xosé L. Rivas Cruz e Baldomero Iglesias Dobarrio, editado por Ophiusa. Florencio, “como todos os seus compañeiros no mester da xograría eran fistores, parrafeantes, sermoeiros e hábiles cantores que poñían ao día a toda comunidade cos acontecementos de influenza, por medio de composicións – xeralmente en verso e anónimas- de extensión variable”. Así definen no prólogo do libro a aquelas persoas con escasos medios de vida.

Os máis deles facíanse acompañar por unha persoa que os axudaban a moverse nas súas viaxes. Valéndose dun cartel con viñetas nas que secuenciaban a historieta e das coplas que vendían procuraban o seu sustento . Logo de escoitalas, os que as mercaban levábannas para amosárllelas aos parentes e conveciños e recitalas. Os relatos desas coplas eran, nalgúns casos, sucesos escabrosos referidos a crimes. Pero outros eran relatos máis lúdicos, moi do gusto popular.

Para coñecer a biografía do “Cego dos Vilares” é recomendable tamén a lectura da biografía que publicou o musicólogo Pablo Quintana, que ademais leva un disco adxunto.

Imitando a utilización deste medio de transmisión oral púxeno en práctica eu con notable éxito en varias ocasións durante os anos que fun funcionario de cultura e lingua no concello de Redondela. Lembro que coa colaboración de coñecidos actores percorrendo o recinto da feira cantando e divulgando coplas alusivas ás medidas sanitarias acadaramos os obxectivos que pretendiabamos. Noutra ocasión fixémolo para escorrentarmos os carteiristas que facían das súas ripándolles os moedeiros ao descoidados. Tamén a Asociación de Amigos do Couto Mixto, contando coa inmellorable escenficación do “cego” Antón Durán “Morris”, conseguíu divulgar a historia daquel territorio independente na raia seca. As coplas correron de man en man das xentes da fronteira.

“A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, en colaboración co Concello de Baleira e o colectivo “Egeria” renderanlle unha homenaxe a Florencio no cemiterio da Fontaneira”

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, en colaboración co Concello de Baleira e o colectivo “Egeria” renderanlle unha homenaxe a Florencio no cemiterio da Fontaneira, o próximo día 12 ás 12:30 horas, colocando no seu nicho unha lápida en lingua galega, que o identifique como un personaxe que contribuíu a acrecentar o noso patrimonio cultural : “Foi transmisor oral da nosa cultura e lingua nos escenarios naturais das feiras e romaxes. Xograr popular de memoria imperecedeira”.

Convócase a homenaxe ao abeiro do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, unha iniciativa que quere identificar a memoria dos defuntos coa lingua na que se expresaron e utilizaron en vida cos familiares e veciños. Consideramos un anacronismo cultural e unha desconsideración cos defuntos que foron galegofalantes que se lles inmortalice a súa memoria nun idioma que endexamais falaron. Feito que se agrava aínda máis cando as funerarias, co silencio dos familiares, espallan esquelas anunciando os falecementos nun idioma que nin o defuntos nin os chamados a participaren nos acto funerarios tiñan como lingua común.

Os concellos teñen a obriga por mandato legal de fomentaren o uso da lingua galega en todas as ordes da vida social nos territorios respectivos. De aí que debesen desenvolver accións con carácter pedagóxico para reconducir estes anómalos comportamentos.

É obriga de todos os que os sobrevivimos, honrar a memoria dos defuntos que foron fieis a unha cultura e lingua. A indiferenza non é un bo patrón de conduta. O poeta Ramón Cabanillas expresou este desexo con acaidos versos: “Galegos, agora e sempre, na vida e na morte. Sempre galegos!”. Memoria eterna para Florencio da Fontaneira.

Da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística.

Presidente do Foro E. Peinador. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.