Salvaterra de Miño | O Espazo Termal de Teáns-Oleiros, o primeiro espazo lúdico termal de Galicia, anuncia a súa adhesión ó programa Carné Xove da Xunta de Galicia, unha iniciativa que busca promover o benestar e a saúde entre a xuventude galega.
A partir de agora, os mozos e mozas de entre 12 e 30 anos poderán acceder ás instalacións por só 2 euros. A Directora Xeral de Xuventude, Lara Meneses, e a Alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, asinaron así un convenio que permite incluir ó espazo termal dentros lugares con desconto para a mocidade.
O Carné Xove é unha tarxeta persoal para a mocidade galega expedida pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Con este documento, as persoas usuarias poden acceder a unha chea de descontos e vantaxes en múltiples entidades e establecementos en Galicia, no resto das comunidades autónomas e nos preto de 40 países europeos adheridos ao programa Carné Xove Europeo.
Esta colaboración representa un paso importante na aposta pola mocidade, fomentando o seu acceso a recursos de ocio saudables e de calidade. O Espazo Termal de TeánsOleiros ofrece un entorno único onde os visitantes poden desfrutar das propiedades terapéuticas das augas termais, coñecidas polos seus beneficios para a saúde, como a mellora da circulación, o alivio de dores musculares e a promoción do benestar xeral.
A iniciativa busca atraer a máis xente nova ó espazo, promovendo un estilo de vida saudable e consciente do coidado do corpo e a mente. Ademais, reforza o compromiso do Espazo Termal de Teáns-Oleiros coa promoción da saúde pública e o turismo de benestar en Galicia. Para máis información sobre o espazo, poden consultar a páxina web de turismo do Concello de Salvaterra de Miño.
Campus de conciliación de verán
Actividade dirixida ós nenos e nenas nados entre o 2013 e o 2021 que se realizará no CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón durante os meses de xullo e agosto. Achégase o remate do curso escolar e son moitas as familias que atopan grandes dificultades para conciliar a vida laboral e familiar.
Por este motivo o Concello de Salvaterra de Miño, como ven facendo durante xa varios anos, realiza dentro do seu programa de conciliación o Campus de Verán, cofinanciado pola Deputación de Pontevedra. A actividade dirixida a nenos e nenas nados entre o 2021 e o 2013 realizarase durante os meses de xullo e agosto en horario de 09:00 a 14:00 h no C.E.I.P Plurilingüe Infante Felipe de Borbón. O Concello pon a disposición dos seus veciños máis de 200 prazas en catro quendas, nos meses de xullo e agosto.
Ademais haberá a posibilidade de ampliar horario para as familias que así o precisen, coa aula matinal dende as 7:30h e servizo de comedor ata as 16:00h. Esta actividade require inscrición previa, terase en conta a orde de entrada por rexistro e terán prioridade aquelas familias que os pais e nais traballen nese horario e tamén as familias monoparentais. As bases e inscrición poderá recollerse no Concello ou descargarse a través da web concellodesalvaterra.com. O prazo de inscrición será do 22 ao 29 de maio e poderase facer dende a sede electrónica ou de xeito presencial en horario de 09:00 a 14:00 horas. Máis información no teléfono 986 658 082 ou na web do concello.