O carácter plurinacional do Estado.

Unha nación é unha comunidade asentada nun territorio e unida por un idioma e cultura propias, unha historia común e unha idiosincrasia colectiva. En moitos casos a nación ten un Estado e noutros trátase de nacións sen Estado, moitas veces sometidas a procesos de asimilación lingüística e cultural, espolio económico e negación do dereito colectivo á liberdade e á soberanía por parte do estado do pobo hexemónico.

Ás veces até se lles nega a súa historia nos libros de texto, como no caso galego, porque non interesa politicamente que sexamos orgullosos como galegos, para facilitar así a nosa perda de identidade e substitución desta pola identidade hexemónica. Galicia é unha nación adormecida e interésalles que siga así… Pero a nós non. Pódese ser verdadeiramente demócrata e imperialista ao mesmo tempo? Dubídoo, porque negas aos demás o que lles corresponde lexitimamente.

Eu fun funcionario de prisións e a miña mestra moitas veces foi a dor, por iso vos digo que se vos queredes sentir ben con vos mesmos, ante unha situación de inxustiza, non podedes lavarvos as mans e serdes neutrais. O medo ao fascismo témolo todos, e eu o primeiro. Pero no Estado español hai presos políticos e exiliados e hai que dicilo claramente. Un saúdo desde a cidade das Burgas, a capital máis próspera e florecente de Galiza, grazas a D.O. e ao PP.

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.