O Camiño Portugués por Tui bateu rexistros en febreiro

Con 779 peregrinos e peregrinas

Tui | Ao longo do pasado mes de febreiro a Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago de Compostela entregou un total de 779 ‘Compostelas’ a peregrinos e peregrinas que realizaron o Camiño Portugués. Estes datos baten os rexistros de peregrinos de calquera outro ano, cun incremento do 36% respecto aos 571 peregrinos do pasado ano 2022 ou do 60% en relación aos 478 peregrinos do Camiño Portugués en febreiro de 2019.

Este notable incremento tamén se experimenta no Camiño Portugués da Costa, que no seu trazado oficial en Portugal chega a Valença e Tui, e tamén no Camiño Francés aínda que neste caso cunhas porcentaxes de incremento de camiñantes moito máis moderadas.

No que atinxe aos lugares de saída dos peregrinos e peregrinas a cidade de Tui con 185 peregrinos ocupa o terceiro lugar elixido polos peregrinos de calquera Camiño no pasado mes de febreiro tras as localidades de Sarria (847), no Camiño Francés, e de Porto (281) no propio Camiño Portugués. Cabe sinalar que sumando os 162 peregrinos que comezaron a súa peregrinación en Valença, na Eurocidade Tui – Valença comezaron o Camiño Portugués o 44,50% dos peregrinos, en concreto 347 camiñantes.

Para o alcalde tudense, Enrique Cabaleiro, a consolidación do incremento nos datos de peregrinos polo Camiño Portugués, xa apuntada no pasado mes de xaneiro, é unha excelente noticia para a nosa cidade que ten no Camiño Portugués unha das súa referencias culturais e turísticas.

Como apuntan tamén os datos estatísticos da Oficina Municipal de Turismo, a gran maioría dos peregrinos neste mes son de procedencia estranxeira cunha notable presencia de visitantes alemáns.

O rexedor tudense reitera a necesidade de ser conscientes do reto que supón para os axentes implicados na xestión do Camiño Portugués estes datos e as expectativas que suscita para este ano 2023, e iso reclama de todos un esforzo para mellorar as condicións da acollida aos peregrinos que se achegan ata Tui dinamizando á vida social e económica da nosa cidade, porta histórica dos Camiños Portugueses a Santiago.