Santiago de Compostela | Douscentos mozos e mozas de toda a Península participarán do 29 de xuño ao 10 de xullo na Ruta Quetzal, que na súa 35 edición percorrerá varios destinos en Galicia e Estremadura. Así o oficializou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, quen na presentación da expedición puxo en valor o papel da iniciativa en “descubrir a riqueza cultural, paisaxística e patrimonial de Galicia, a través do Camiño de Santiago”.
“Turismo de Galicia apoia esta iniciativa no seu obxectivo por promover e divulgar a ruta xacobea entre a mocidade”, destacou. Este ano, a expedición visitará tramos e localidades do Camiño Portugués da Costa -o itinerario que máis está a medrar-, o Camiño do Norte, que este ano cumpre o seu 10º aniversario como Patrimonio da Humanidade, e o Camiño Mozárabe ao seu paso por Estremadura.
A expedición discorrerá desde o 29 de xuño ata o 10 de xullo. A primeira etapa desenvolverase do 29 de xuño ao 3 de xullo en Galicia. Estes días, a mocidade poderá coñecer o Camiño Portugués da Costa a través de percorridos pola comarca de O Salnés, seguindo os pasos do Padre Sarmiento, ademais de navegar polo río Miño ata San Lorenzo de Piñor.
Tras estas xornadas, a Ruta desprazarase a Estremadura para, nunha segunda etapa, coñecer distintos destinos vinculados ao Camiño Mozárabe, así como personalidades do territorio que percorre. Será entre o 3 e o 6 de xullo.
Desde o 7 ao 10 deste mes, a Ruta Quetzal volve a Galicia, onde seguirá o itinerario do Camiño do Norte. A praia das Catedrais, Mondoñedo, Vilalba, Santiago de Compostela e Vilanova de Arousa son algunhas das localidades que poderán coñecer.
Ata o momento, máis de 31.000 peregrinos percorreron xa o Camiño Portugués da Costa, case un 20% máis que o pasado ano. O Camiño do Norte fixérono xa máis de 5.000 persoas e o Mozárabe-Vía da Prata, case 3.500.