O Camiño de Inverno dinamiza a comarca de Valdeorras

Sigue a ser a ruta máis descoñecida de todas

Sobradelo de Valdeorras | Xosé Mahnuel Merelles Remy, realizou a pé esta mañá, acompañado por concelleiros do PP do Barco, entre outras persoas, o tramo deste itinerario Sobradelo (Carballeda de Valdeorras), de onde saía ás nove da mañá, ata A Rúa.

A súa chegada ao Paseo do Malecón do Barco, atendeu ós medios de comunicación e manifestou facer esta ruta “é unha experiencia marabillosa, dá gusto ver que o Camiño de Inverno logo de que en 2016 fose declarado oficial, conta co moi ba saúde e xa forma parte da marca turística Valdeorras. Hai que ter en conta que o ano pasado Galicia recibíu 446.000 peregrinos que selaron a Compostela, foi a cifra máis elevada de toda a historia do Camiño. E o PP ten esa misión de preservar ese camiño e de promovelo e, nese senso, neste ano 2024 a Xunta vai investir un millón de euros no seu mantemento e que tamén para Valdeorras cremos que o Camiño de Santiago ten un gran potencial de desenvolvemento turístico e cultural porque o fenómeno xacobeo cada vez é máis coñecido en todo o mundo e o Camiño cada vez é máis universal”.

Merelles Remy resaltou a evolución desta ruta xacobea, unha das máis xoves das existentes, que cada ano máis de 2.300 peregrinos percorren ata Compostela.

“Dende o Partido Popular traballaremos para conseguir que esta cifra aumente, que sexan moitos máis os peregrinos que circulen cada ano polo Camiño de Inverno porque segue a ser a ruta xacobea máis descoñecida de todas e, probablemente, unha das máis fermosas. Por iso, comprometémonos a investir na súa promoción e na súa divulgación”, afirmou Merelles.

Quen fora ata a convocatoria de elección ao Parlamento Galego director da Axencia Turismo de Galicia, posto do que cesou para se integrar na candidatura do PP de Ourense, tamén ofreceu datos que amosan que o Camiño é un motor de dinamización económica para os territorios polos que discorre. Neste sentido, indicou que a relevancia económica e social dos Camiños a Santiago é cada vez maior, tamén no Camiño de Inverno. Así constata o último estudo do impacto socioeconómico do Camiño de Santiago da Universidade de Santiago.

Noites en Galicia
Os peregrinos concentran o 3% do gasto turístico na comunidade galega e cada un dos peregrinos que visitan Galicia supón o mesmo impacto económico que tres turistas nacionais. Se o medimos en noites, o impacto é aínda maior: os peregrinos representan o 16,7% das noites consumidas en Galicia xa que teñen unha estadía media que duplica a do visitante, indicaba.

“Como dixen onte en Larouco, e repito agora aquí, só un goberno galego con Alfonso Rueda á cabeza está en condicións de garantir que Valdeorras complete o seu despegue definitivo en termos turísticos. Imos traballar para que a zona sexa un destino preferente de chegada de visitantes dentro do interior de Galicia, e non só para os propios galegos senón tamén para moitas outras persoas que poidan chegar ata aquí procedentes de fóra da nosa comunidade, do resto de España e, mesmo, de Europa. Imos promocionar intensamente a comarca, dun modo integral, en diferentes foros e feiras turísticas tanto de índole nacional coma internacional”.

A Galicia interior
Merelles incidía en que “o interior de Galicia está cheo de activos que cómpre poñer en valor, de paisaxes singulares, de patrimonio arquitectónico de gran valor histórico, de propostas enolóxicas e gastronómicas de seu”.  E avanzaba o compromiso do Partido Popular con deseñar unha nova Estratéxica Turística para Galicia co horizonte de 2030 no foco que se vertebre en tres piares fundamentais: sostibilidade, unha maior promoción internacional e desestacionalización. Fotos: A.R.