O Porriño | O palmarés deportivo do Concello do Porriño non deixa de medrar. Álex “Coraje” Castro é o autor deste novo éxito que se suma logo de proclamarse campión galego neoprofesional do peso wélter, nunha velada celebrada no Día de Galicia na que venceu a Arturo “El Vene” Pizza.
Con tal motivo, o alcalde Alejandro Lorenzo recibiuno esta tarde na casa consistorial para trasladarlle os parabéns por este título destacando “non só o teu talento no ring, senón tamén a importancia de fomentar o deporte como motor de valores e oportunidades para a mocidade”.
Aos seus 24 anos, Álex, que vive no Porriño, combina o boxeo co seu traballo de repartidor. “Adestro a diario e cando teño competición a práctica deportiva duplícase. Hai que ser moi esixentes cun mesmo e constante para lograr os retos marcados”. Foi en Marín onde gañou o ouro da Open Internacional en 2023 e agora, na terceira fin de semana de setembro, volverá á vila mariñeira para disputar o Campionato Galego de Boxeo Élite no que se darán cita os mellores boxeadores de Galicia, competición na que Álex xa quedou subcampión e que nesta ocasión volverá loitar polo primeiro posto e así poder clasificarse para o Nacional.
Dende o CKM Combat Academy aseguran que “é un orgullo para o club e un exemplo para os seus compañeiros, con traballo e disciplina todo chega e o mellor está por vir”.
A promoción do deporte sigue sendo unha prioridade para o Concello do Porriño, pois representa unha vía para mellorar a calidade de vida e ofrecer novas oportunidades á mocidade. “O éxito de deportistas como Álex é un exemplo claro de que, cando se aposta polo talento, a perseveranza e os recursos necesarios, os logros e os resultados non tardan en chegar”, conclúe o alcalde.