
Ourense | O deputado provincial do BNG Xosé Manuel Puga representante nacionalista ante o Consello Reitor do INORDE presentou unha emenda aos orzamentos do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE) para o exercicio 2026. Trátase, segundo explicou, da terceira vez consecutiva que o grupo nacionalista formula esta proposta “seguindo cos argumentos de anos pasados, xa que nada ten mudado”.
Puga sinalou que o BNG “segue a considerar o INORDE un órgano que duplica esforzos económicos, materiais e humanos, e polo tanto perfectamente prescindible”. Lembrou que “a totalidade de iniciativas, actuacións e colaboracións poden ser realizadas perfectamente polos distintos servizos que ten a Deputación Provincial”, polo que defendeu a “racionalización das distintas administracións e evitar a duplicidade de estruturas como unha regra básica de actuación política”.
O deputado nacionalista advertiu ademais que “o INORDE é cada vez máis dependente economicamente da Deputación, ata o punto de que xa paga absolutamente todo”. Puga lembrou que “nos orzamentos de 2024 a achega da Deputación representaba o 82% do total, en 2025 subiu ao 86% e para 2026 acada xa o 87%”, o que, ao xuízo del e da organización que representa, “amosa con claridade que o INORDE perdeu calquera capacidade propia de autofinanciamento e converteuse nun simple apéndice administrativo da Deputación”.
A emenda presentada polo grupo nacionalista propón a minoración de distintos capítulos de gasto por un total de 572.500 euros, cantidade que o BNG solicita destinar á creación dunha nova partida denominada “Investimentos e colaboración da Deputación Provincial de Ourense con entidades públicas e privadas para o desenvolvemento de actividades e accións de dinamización económica e social nas comarcas de Ourense”.
O deputado explicou que esta proposta busca “que eses fondos se empreguen en apoiar ao tecido económico e social de Ourense en lugar de manter estruturas innecesarias”.
Segundo a análise do BNG, os orzamentos do INORDE para 2026 “supoñen un incremento da achega da Deputación Provincial de practicamente un 16%, pasando de 2,4 millóns de euros en 2025 a 2,8 millóns para 2026”, e manteñen “un carácter totalmente continuista cos do, ano pasado, agás o aumento en investimentos reais para mellora de instalacións”.
O nacionalista destacou tamén que “o capítulo 1, correspondente a persoal, supón o 47,17% do total do orzamento do INORDE, dez puntos máis que o que representa no orzamento da propia Deputación”, o que, ao seu xuízo, confirma “que a metade do gasto do INORDE é en persoal”.
“No caso de prescindir do INORDE aforraríanse case 200.000 euros en gastos de persoal e gratificacións, que poderían servir para apoiar ao tecido económico da Ourense”, engadiu Puga.
Por todo iso, o BNG reiterou que a súa emenda “segue o mesmo patrón de anos precedentes, coa vontade de reorientar os recursos públicos cara a actuacións produtivas e de impacto real na economía das comarcas de Ourense”.




