O BNG urxe á Xunta de Galicia melloras no funcionamento da Administración de Xustiza en Ourense

O deputado Iago Tabarés presentou varias iniciativas rexistradas no Parlamento galego

Ourense | O grupo parlamentario do BNG no Parlamento de Galicia rexistrou nos últimos días unha batería de iniciativas cuxo obxectivo é “a mellora do funcionamento da administración de xustiza en Ourense”.

En concreto, o BNG demanda, tal e como sinala Iago Tabarés, deputado por Ourense, “a ampliación do cadro de persoal funcionario e a cobertura inmediata das baixas que se produzan, evitando situacións como as vividas no Xulgado de instrucción número 2, onde a falla de cobertura dos postos fai que non poda atenderse o servizo de garda e o despacho ordinario de asuntos”.

Outra das reivindicacións da formación nacionalista ten que ver coa necesaria “implicación da Xunta de Galicia na ampliación da planta xudicial tanto en materia Civil como Penal, xurisdiccións que actualmente están cunha extraordinaria carga de traballo”.

Iago Tabarés tamén adianta que solicitaránlle ao Executivo galego “que actúe para evitar a comarcalización da futura sección de violencia sobre a muller, que estendería a súa competencia a case todos os partidos xudiciais de Ourense xa que atendería ao 88% da poboación e ao 71% do territorio, feito que prexudicaría notablemente a atención ás vítimas” e engade, “tampouco é baladí o feito de que estaríamos diante dunha unidade xudicial que nacería cunha carga de traballo moi por riba do máximo aconsellábel polo Consello Xeral do Poder Xudicial, o que impediría o seu correcto funcionamento malia contar cun cadro de grandes profesionais”.

Para o deputado Tabarés, a situación da Administración de Xustiza en Ourense revela que neste ámbito, “a Xunta de Galicia tamén desantende, como en tantos outros, as necesidades de Ourense e en consecuencia das e dos ourensáns”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.