Amoeiro | O BNG de Amoeiro vén de solicitar publicamente a dimisión inmediata de Susana Rodríguez, tenente de alcalde do Concello de Amoeiro e deputada provincial, logo das informacións publicadas en prensa que apuntan ao lanzamento de fogos de artificio sen autorización durante a celebración da voda da súa filla, na madrugada do pasado domingo 17 de agosto.
Desde a formación nacionalista consideran que este feito constitúe “unha grande irresponsabilidade e unha falta de respecto á cidadanía” nun contexto marcado pola vaga de lumes que está a afectar ao país.
O responsable local do BNG de Amoeiro, Marcos Blanco, declarou que “non podemos permitir que representantes públicos minimicen comportamentos perigosos e inadmisibles nun momento no que tantas persoas están a sufrir as consecuencias dramáticas dos incendios”.
En relación coas manifestacións realizadas pola propia Tenente de Alcalde, nas que afirmou que lanzar foguetes “non é un risco importante porque só é unha caixa e saen disparados cara arriba”, desde o BNG de Amoeiro subliñan que “este tipo de declaracións só poden saír da boca dun inconsciente, e é inaceptable que quen ocupa cargos de representación pública actúe con esa lixeireza”.
Por todo isto, o BNG de Amoeiro reclama que Susana Rodríguez abandone tanto o seu cargo no Concello como o escano na Deputación de Ourense, ao entender que perdeu toda lexitimidade para continuar representando á veciñanza.