O BNG reclama melloras educativas para o Condado

A deputada Cristina Fernández Davila reuniuse coas ANPAS da comarca para estudar iniciativas e necesidades

Ponteareas/BNG | A deputada no Parlamento Galego e líder do BNG en Ponteareas, Cristina Fernández Davila, mantivo un encontro con membros da Federación de ANPAS do Condado co obxectivo de actualizar o estado das necesidades da comunidade educativa.

Fernández Davila sinalou que “en Ponteareas e no conxunto da comarca a situación non mudou substancialmente dende o inicio de curso. O alumnado con necesidades educativas específicas continúa sen contar con suficiente profesorado especialista, e a Xunta segue sen acometer as obras necesarias para a rehabilitación dos centros educativos”.

No encontro mantido cos representantes das familias, tamén abordaron outras demandas, como aumento do profesorado para reducir as ratios nos centros educativos, a necesidade de completar os cadros docentes, o reforzo dos departamentos de Orientación e un maior apoio e seguimento ao alumnado con problemas de saúde mental para previr riscos de conduta suicida.

“O goberno do PP na Xunta continúa sen escoitar as demandas do alumnado, das familias e do profesorado”, sinalou Cristina Fernández. Ademais, a concelleira e deputada do BNG lembrou a “complicidade” do goberno local de Ponteareas, que se negou a solicitar á Xunta o reforzo de profesorado especialista nos centros educativos da localidade. “En lugar de poñerse do lado das familias e apoiar o alumnado máis vulnerable, a alcaldesa Nava Castro e os seus concelleiros escollen sempre poñerse ao servizo do seu partido”, lamentou.

Tras a xuntanza mantida, Cristina Fernández anunciou que o Bloque volverá presentar iniciativas no Parlamento Galego para trasladar as necesidades educativas de Ponteareas e reclamar que o goberno do PP na Xunta lles preste a debida atención.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.