O BNG Ponteareas homenaxea a Xosé Represas como “semente de futuro” de cara ás municipais 2027

Os nacionalistas lembraron o cuarto cabodano do pasamento do ex Alcalde

Ponteareas/BNG | O BNG celebrou esta fin de semana en Ponteareas un acto de homenaxe á figura de Xosé Represas, quen foi alcalde da vila e un referente da política local galega. A intervención principal correu a cargo de Cristina Fernández, compañeira de Represas e actual líder do BNG en Ponteareas, quen definiu ao exalcalde como unha “semente de futuro” e afirmou que o seu legado será clave para lograr a alcaldía nas eleccións municipais de 2027.

“Hoxe é un deses días nos que o corazón fala antes que a razón”, comezou Fernández Davila, visiblemente emocionada. No seu discurso destacou o compromiso vital de Represas coa veciñanza, a súa capacidade de escoita, e a súa forma humilde e firme de exercer a política, e lanzou unha mensaxe clara: continuar o proxecto iniciado por Xosé Represas, co obxectivo de devolverlle a Ponteareas un goberno ao servizo da xente, comprometido, honesto e transformador. “Porque homenaxear a Represas non é mirar só ao pasado con nostalxia, é mirar ao futuro con responsabilidade, co seu exemplo como guía e a súa memoria como forza”, afirmou.

Durante o acto, Fernández Davila lembrou a Xosé Represas non só como alcalde, senón como guía, compañeiro e referente. Subliñou que a súa forza viña da humanidade, da firmeza tranquila e do amor profundo pola súa vila e pola súa xente. “Pepe foi moito máis ca un representante institucional: foi o primeiro alcalde do BNG en Ponteareas e transformou a política municipal nun exercicio de proximidade, utilidade e dignidade”, afirmou, agradecendo a súa entrega e a súa maneira de crer na política como ferramenta de transformación social. “Represas era unha persoa que escoitaba, que aprendía, que confiaba na forza do colectivo. Non gobernaba para satisfacer o seu ego, gobernaba para mellorar a vida da xente, para construír unha Ponteareas mellor para as vindeiras xeracións”, destacou Cristina Fernández.

A homenaxe contou tamén coa participación da senadora Carme da Silva, que interveu en nome da Executiva Nacional do BNG. Da Silva destacou a relevancia de Represas na historia do nacionalismo galego e puxo en valor as cualidades que o definían e que hoxe segue encarnando Cristina Fernández: “xenerosidade, humildade e honradez”. Da Silva concluíu facendo un chamamento a manter vivo o seu legado, a non desviar o rumbo e a traballar con firmeza para que o BNG volva liderar o futuro de Ponteareas coa mesma entrega e dignidade que Represas soubo transmitir.

No acto, ademais da familia, tamén tomaron a palabra representantes de movementos veciñais, cos que Xosé Represas mantivo sempre unha relación estreita ao longo da súa traxectoria. Destacaron especialmente a súa implicación co tecido asociativo ligado á defensa do monte e do medio rural, un eido no que foi pioneiro e referente. O acto, que coincidiu no ecuador do mandato municipal, serviu tamén para facer balance da situación actual do municipio e expresar a preocupación polo rumbo que segue o actual goberno local. “Vemos un goberno da dereita centrado na propaganda, que non responde ás necesidades reais da veciñanza. Falta escoita, faltan proxectos con visión de futuro e falta o compromiso co ben común que Represas encarnaba”, denunciaron.

Neste contexto, o BNG apelou á memoria e ao exemplo de Represas como forza motora para recuperar a ilusión e retomar o camiño iniciado con el. “A semente que el plantou segue viva. Está en nós, nas persoas que confían nunha política honesta, nos colectivos que traballan pola cultura, o benestar ou o territorio, na veciñanza que non se resigna. E faremos que floreza”, proclamaron.

Con esta homenaxe, na que tamén lembraron a todos seus integrantes falecidos, o BNG reafirma o seu obxectivo de recuperar a alcaldía en 2027 cun proxecto político “coherente, humano e transformador”, inspirado nos valores e no legado de Xosé Represas. “Porque cando a semente é boa, o futuro florece. E así será”, concluíron.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.