
Ourense | Apenas dúas horas antes da súa celebración, o goberno municipal do Concello de Ourense convocaba un pleno extraordinario este mesmo sábado co obxecto de levantar unha serie de reparos suspensivos emitidos pola Intervención Xeral ás facturas correspondentes a diversas certificacións de obras actualmente en execución e con afectación de fondos Next Generation, como poden ser o elevador da avenida de Marín, o aparcadoiro en Coto de Canedo ou as reformas da avenida de Portugal e da rúa Alejandro Pedrosa.
Un feito non menor é que as mesmas deberan terse abonado antes do 30 de decembro de 2025 para garantir dito cofinanciamento, algo que ao non facerse, fai que ditas aportacións estean xa perdidas. O concelleiro Xosé Manuel Puga sinala que a convocatoria “demostra o terrible descontrol que hai neste Concello totalmente á deriva” e engade, “o obxectivo era tratar de xustificar diante de nós e diante da cidadanía a súa incapacidade, a súa inutilidade e xustificar que se vamos a perder de novo subvencións de fondos europeos por valor de 830.000 euros, non é pola inutilidade da xestión do alcalde senón das e dos funcionarios e da Oposición”.
Xosé Manuel Puga deixa claro que o BNG “non está disposto a caer nesa maraña que quere tender o alcalde, motivo polo cal ausentámonos do Pleno, para non xustificar baixo ningún concepto o que pretende facer, que non é outra cousa que botarnos as culpas aos demais da súa incapacidade para xestionar o Concello de Ourense. Nós somos o dique de contención a este xeito de gobernar”.
Puga insiste, “hoxe pedímoslle que cambie de actitude e que trate de facer mellor as cousas, algo que sabemos de antemán é imposible, motivo polo cal nós nos estamos dispostos a ser os seus tontos útiles e a que nun futuro, poida xustificar nos demais a perda dos fondos cando a responsabilidade é exclusivamente súa”. A formación nacionalista afirma que a urxencia do Pleno de hoxe ven motivada polo feito de estar a 31 de xaneiro e que as empresas que están a executar ditos traballos aínda non cobraron, feito que sitúa ao goberno Jácome nunha posición de extrema presión.
O BNG lembra que a situación e o expediente validado hoxe grazas á abstención de PP e PSdeG-PSOE reproduce o procedemento seguido coa Praza de Abastos número 1, que xerou a perda total da subvención concedida no seu día polo Goberno Central ou máis recentemente as relativas á rehabilitación dun edificio na Praza da Trinidade ou para a rehabilitación da Cadea Vella da rúa do Progreso.




