O BNG esixe á Deputación de Ourense a retirada de fondos destinados á “Vuelta Ciclista” pola participación do equipo israelí

“Non se pode patrocinar con fondos públicos eventos que contribúen a branquear a imaxe do Estado sionista, responsábel dun xenocidio e de diversos crimes contra a humanidade”

Ourense | O grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense vén de presentar unha iniciativa na que solicita a retirada inmediata de todos os fondos públicos destinados ao patrocinio da “Vuelta Ciclista”, pola participación do equipo pertencente ao Estado sionista de Israel que está a cometer un xenocidio e múltimes crimes contra a humanidade.

Desde o BNG considérase inadmisíbel que a vida social e deportiva continúe con total normalidade mentres milleiros de persoas inocentes sofren unha masacre retransmitida en directo polas propias víctimas, e por centos de xornalistas que se converteron en obxetivo militar dos militares sionistas. “Non se pode permitir que un evento deportivo de tanta repercusión como a “Vuelta Ciclista” contribúa a branquear a imaxe dun Estado responsábel de crimes contra a humanidade”, sinalaron desde o grupo nacionalista na Deputación de Ourense.

Os valores do deporte como a convivencia, o respecto, a solidariedade e o xogo limpo son sempre a guía fundamental de calquera competición. Porén estes principios son vulnerados en calquera competición con presencia de equipos israelís que os instrumentalizan para branquear a imaxe do seu Estado e dar unha apariencia de normalidade mentres continúan asasinado impunemente. Como maninfestou o dono da equipa ciclista do Estado sionista, este é unha maquinaria de propaganda da política do Estado israelí. A participación dun equipo pertencente a este Estado non só compromete eses valores fundamentais do deporte, senón que tamén mancha a imaxe de calquera evento deportivo internacional que lle dea acubillo.

A formación nacionalista lembra que as institucións públicas teñen a responsabilidade de actuar con coherencia e de situarse á beira das vítimas, evitando que os recursos públicos galegos sirvan para lexitimar ou dar cobertura a países implicados en graves vulneracións dos dereitos humanos.

Por iso, o BNG solicita tamén que a Deputación de Ourense inste a todos os concellos da circunscripción territorial de Ourense a retirar calquera tipo de patrocinio, apoio económico ou colaboración institucional coa “Vuelta Ciclista” mentres se manteña a participación de equipos vinculados ao Estado sionista.

“O noso deber democrático e humano é claro: non se pode actuar como se nada pasase mentres se perpetra un xenocidio. A defensa da paz e a liberdade para Palestina, da xustiza e dos dereitos humanos debe estar por riba de calquera interese económico ou deportivo”, concluíron desde o BNG.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.