O BNG denuncia un novo atentado contra o patrimonio en Ourense ante a pasividade da Xunta de Galicia

Refírese á obra "Taboeiro de Muiño", recentemente eliminado do Museo Arqueolóxico

Ourense/BNG |  Actualmente estanse a executar as obras de rehabilitación arquitectónica do antigo Pazo Episcopal, hoxe Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, adxudicado á empresa COPASA, en virtude de acordo de 6 de xuño de 2019 por un importe de 9.209.310 €, IVE incluído.

Pois ben, Desde o BNG puideron comprobar como na execución das referidas obras de rehabilitación, destruíuse (por mor da inopinada “limpeza” dun muro) un “Taboeiro de Muiño” labrado en tempo inmemorial nunha das pedras do edificio do Museo Arqueolóxico.

“O denominado “taboleiro de Muiño”, é un xogo tradicional do noso patrimonio lúdico e que ben puidera supor o pasatempos dos canteiros que construíron a nosa catedral. Un deles figuraba nunha das pedras do edificio do Museo Arqueolóxico actualmente en obras de rehabilitación”

O denominado “taboleiro de Muiño”, é un xogo tradicional do noso patrimonio lúdico e que ben puidera supor o pasatempos dos canteiros que construíron a nosa catedral. Un deles figuraba nunha das pedras do edificio do Museo Arqueolóxico actualmente en obras de rehabilitación.

Este xogo tradicional está presente en diversas culturas do planeta e polo tanto, trátase dun elemento recollido dentro dos usos sociais, rituais e festivos do patrimonio cultural inmaterial enumerado pola UNESCO dentro das súas catalogacións patrimoniais. Non se sabe se a pedra foi reaproveitada dun banco na súa orixe, lugar preferido para o xogo, ou se os traballadores esculpiron o taboleiro de xogo antes de colocala no seu lugar definitivo, pero o certo é que a inscultura que se acaba de borrar impunemente despois de séculos de Historia, deixa ao descuberto o desleixo das institucións que deberan velar polo patrimonio.

A denuncia do BNG pasa polo feito de que logo dunha serie de actuacións de restauración e limpeza da fachada onde estaba ubicado, este elemento foi destruido. Desde a formación nacionalista pregúntanse porqué os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta non supervisaron as obras para protexer este elemento histórico e presente na pedra desde o mesmo momento da súa instalación, ou se efectivamente estaban ao tanto, o motivo polo cal permitiron que se executase tal atentado.

Por todos estes motivos, desde o grupo Parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo, veñen de rexistrar unha serie de preguntas para ser respostadas polo Goberno Galego. Desde a formación nacionalista queren saber se autorizou ou informou favorablemente a Xunta de Galiza as obras de rehabilitación do Museo Arqueolóxico de Ourense, antigo Pazo Episcopal.

Tamén, se lle constaba a existencia dun taboeiro do xogo de muíño nunha das pedras do muro do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e que accións ou cautelas adoptou para a protección do mesmo.

Igualmente desde o BNG queren saber se a Xunta Considera que elementos como o indicado teñen valor como patrimonio cultural e xa que logo, son merecentes de protección e coidado ou non, e finalmente que actuacións ten incoado ou previsto incoar a Xunta de Galiza para determinar as responsabilidades derivadas das accións contra o patrimonio cultural de Ourense e anteriormente descritas.