O BNG de Vilamarín e plataformas veciñais mobilizanse contra o proxecto eólico Agratina

Chamamento á presentación de alegacións ao proxecto antes do día nove de xullo

Vilamarín | O grupo municipal do BNG de Vilamarín vén de presentar unha moción para manifestar o seu rexeitamento ao parque eólico Agratrina, actualmente en fase de exposición pública.

A iniciativa do BNG conta co apoio das plataformas Salvemos a Serra da Martiñá e Stop Eólicos A Limia – Xurés – Celanova, que coordinan accións informativas e de recollida de alegacións coa veciñanza.

A formación nacionalista alerta dos graves impactos ambientais así como do risco que supón para a fauna e dunha saturación eólica na zona, con ata 160 aeroxeradores previstos.

Tamén denuncian a instalación de aeroxeradores a menos de 300 metros de vivendas, afeccións ao Río Asma e un impacto visual severo que afectaría a máis do 65% do municipio. A moción lembra que un proxecto previo —Avoceta Wind— xa foi rexeitado cunha Declaración de Impacto Ambiental negativa.

Segundo explicou o concelleiro do BNG, Breixo Fernández Baliño, “este proxecto non deixa beneficios no territorio e forma parte dun modelo depredador que pretende cubrir Galiza de muíños sen planificación nin respecto polo medio nin pola xente”.

O concelleiro lembrou tamén que “o alcalde de Vilamarín (PP) expresou públicamente o seu rexeitamento ao proxecto na reunión informativa celebrada coas veciñas e veciños o pasado 13 de marzo”.

A campaña de alegacións está aberta á participación de toda a veciñanza. Os modelos poden descargarse en formato editable nas redes sociais do BNG de Vilamarín e das plataformas convocantes. Na foto Breixo Fernández e Lucía González, edis do BNG no Concello de Vilamarin.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.