
Ourense | Nun feito pouco habitual, a empresa adxudicataria das obras para a reforma integral da avenida de Portugal, unha das principais arterias da cidade, anuncia públicamente que suspende os traballos de execución debido á “imposibilidade de manter a viabilidade financeira do proxecto ante o incumprimento dos compromisos de pago por parte da Administración local”.
Alén de cuestións técnicas, a empresa sinala que a día de hoxe, o Concello de Ourense adebeda as facturas correspondentes aos meses de novembro e decembro de 2025 e ao mes de xaneiro de 2026, argumentando que a suma destes impagos fai inviable o mantemento dos suministros, a maquinaria e o persoal.
Para o grupo municipal do BNG esta situación “é, por desgraza, a agardada”. Segundo sinala o portavoz nacionalista no Concello Luís Seara, “levamos moitos meses advertindo da situación e de que as obras poderían entrar en situación de parálise debido aos continuos incumprimentos por parte do Goberno local e agora vemos como todas as nosas advertencias eran certas e xa non é que o diga o BNG senón que o fai a propia empresa encargada da obra”.
Seara incide no feito de que “ao longo dos últimos días, recibimos información de que a empresa non ía continuar e de feito, temos constancia de que unha das subcontratas xa retirou a semana pasada parte do material e da maquinaria que alí se estaba a empregar” e engade “temos preguntado en múltiples ocasións tanto en Pleno como nas xuntas de área sobre o estado das obras e o cumprimento dos prazos e sempre se dixo por parte do concelleiro delegado Francisco Lorenzo que as obras ían segundo o previsto, cando sabía que non era certo, polo que leva meses mentindo descaradamente”.




