O BNG de Ourense recolleu sinaturas para rectificar o novo mapa de liñas do transporte público

Este non responde ás necesidades da maioría de usuarias e usuarios

Ourense | O pasado venres día 19, na rolda de prensa ofrecida polo grupo municipal do BNG no Concello de Ourense para avaliar as consecuencias da entrada en funcionamento do novo mapa de liñas e dos novos horarios do transporte público municipal, o portavoz Luís Seara adiantou que como consecuencia do enorme descontento e o crecente malestar existente entre as usuarias e usuarios, desde a formación nacionalista ían comezar unha campaña de recollidas de sinaturas para canalizar dito descontento.

Dito e feito. Este mesmo luns, na parada de autobús da Alameda, na rúa do Progreso, o BNG comezou a recoller as primeiras sinaturas dunha campaña que os levará tamén, nos vindeiros días, ás paradas do Parque de San Lázaro, do CHUO, do Campus universitario ou da estación Intermodal.

Segundo sinala Luís Seara, “tal e como dixemos o pasado venres, somos coñecedores de que existe un fondo malestar polo novo mapa de liñas e polos novos horarios xa que así no lo está facendo chegar moita veciñanza que pregunta con impotencia como pode facerlle chegar dito malestar ao Alcalde” e engade, “nós ofrecémonos a ser esa canle de transmisión, estando onde nos sentimos máis cómodos, a pé de rúa, escoitando á xente e recollendo sinaturas para poder ir xunto ao Alcalde co aval de centos de veciñas e veciños que lle din non a súa proposta”.

Seara reitera que o novo mapa de liñas “empeora en moitos casos a conectividade que existía antes e desde logo non cumpre xa non soamente cos horarios establecidos nas novas liñas senón coas necesidades de boa parte da veciñanza”.

A recollida de sinaturas, a través dunha queixa modelo que poden asinar todas aquelas persoas que o desexen, enumera as deficiencias detectadas ao longo destes días e pídelle ao Alcalde unha rectificación total da súa proposta de novo mapa de liñas e horarios toda vez que esta non responde ás necesidades da maioría social e está a xerar un problema estrutural sobre o conxunto da mobilidade do concello.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.