Celanova | A responsábel comarcal do BNG de Terras de Celanova e da Baixa Limia, Ernesta Seoane, lamenta profundamente que a reunión do Consello da Xunta celebrada no mosteiro de Celanova fose “un exercicio de autobombo e propaganda” en lugar dunha oportunidade real para atender os problemas e necesidades da comarca.
A responsábel comarcal cualificou o encontro como “unha visita de cartón pedra, máis preocupada pola foto ca pola realidade”. Para a nacionalista, “é insultante que a Xunta veña a Celanova presumir de orzamentos mentres leva anos desatendendo a nosa xente e abandonando os servizos públicos máis básicos”.
Seoane lembrou tamén que a realidade diaria da comarca continúa marcada por carencias que a Xunta leva tempo ignorando, como a falta de atención sanitaria adecuada, coa pediatría recortada ao mínimo e a veciñanza obrigada a desprazarse por falta de especialistas, ou o abandono de infraestruturas e proxectos pendentes e nomeadamente todo o referido ao encoro das Cunchas. Engadiu que tampouco hai ningunha atención ás persoas mozas, “que seguen a ser as grandes esquecidas, sen oportunidades nin recursos para quedar e desenvolver aquí o seu futuro”.
Seoane expresou a súa indignación pola actitude do Goberno galego, que, dixo: “non só ignora as demandas sociais e veciñais, senón que ten a ousadía de facer campaña no mesmo edificio que simboliza o abandono institucional destas comarcas”.
A tamén concelleira do BNG en Celanova lembrou que o mosteiro, onde se celebrou a reunión, “segue a deteriorarse mentres a Xunta utiliza o espazo para montar un decorado político”. Segundo explicou, “é o mellor exemplo do que representa este goberno: un escaparate baleiro mentres o patrimonio, os servizos e a poboación languidecen”.
“Non hai respecto nin compromiso coa comarca, só un intento de vender fume e tapar anos de abandono”, denunciou Seoane. “A visita da Xunta a Celanova foi un paripé máis, sen contido nin vontade real de mellorar nada.”
Desde o BNG comarcal subliñan que, unha vez máis, o Goberno galego amosou desprezo polas Terras de Celanova e a Baixa Limia, reducindo a súa presenza a un acto de propaganda sen respostas nin compromiso coa veciñanza. Seona rematou avanzando unha batería de emendas a estes orzamentos no que ten que ver coa súa comarca de Celanova e Baixa Limia no Parlamento de Galiza a través do grupo parlamentario nacionalista.