O BNG de Cea quere recuperar cultivos de trigo.

Elvira Fernández
Nos Abros colleitabanse patacas, nabos e forraxe para o gando.

A aprendizaxe que nos está a deixar a pandemia do Covid-19 obríganos a desviar a nosa mirada á aldea e ao mundo rural, e a reflexionar sobre un espazo totalmente desagrarizado, abandonado e improdutivo.

A grave recesión económica que nos deixa esta crise de orixe vírico, fai que sexa urxente buscar fórmulas de actuación para recuperar un sector primario “á deriva”, buscando a súa optimización, con plantacións de produtos autóctonos e de calidade, hoxe tan valorados para unha alimentación saudable e que estamos mercando de fóra.

Ademais, no caso do trigo facilitaría o logro da “Denominación de Orixe Protexida (DOP) para o “Pan de Cea”, que na actualidade só acadou a “Indicación Xeográfica Protexida (IXP), precisamente por carecer o Concello de cultivo de trigo autóctono, polo que non cumpre o requisito de que “produción, transformación e elaboración se realicen na mesma zona xeográfica”.

“Durante o confinamento, a xente que vive nas cidades deuse conta do valor da aldea para moitas cousas”

Durante o confinamento, a xente que vive nas cidades deuse conta do valor da aldea para moitas cousas, unha delas é que os que vivimos no rural non padecemos tanto o encerro, nin nos vimos tan obrigados a suspender todas as nosas rutinas.

O valor do agro
A calidade de vida está no rural e o BNG sempre reivindicou e reivindica o valor do agro e a recuperación das aldeas, tanto neste aspecto como pola súa importancia no tecido produtivo galego.

No noso país temos miles de hectáreas, que polo seu abandono, son pasto dos lumes todos os anos, gastando millóns de euros na súa extinción. Cea, que segue despreocupándose por este aspecto, non é unha excepción, senón un claro exemplo. Con estas políticas nefastas non é de estrañar que Galiza sexa o territorio europeo con maior densidade de lumes.

O abandono das leiras está relacionado co despoboamento das aldeas, por iso é preciso que os gobernos municipais empecen a facer verdadeiras políticas para a recuperación do campo.

“O abandono das leiras está relacionado co despoboamento das aldeas, por iso é preciso que os gobernos municipais empecen a facer verdadeiras políticas para a recuperación do campo”

A caída en picado da poboación do Concello de Cea é alarmante, pasando en poucos anos de máis de 5.000 habitantes aos 2.089 que figuran no censo de 2020, con un crecemento vexetativo negativo neste últimos anos (uns 50 habitantes ano). Boa parte da provincia de Ourense está nestes saldos negativos, pero tamén é certo que poucos núcleos rurais posúen unha ubicación e un potencial económico como que ten este concello. Medio século de gobernos herdados do franquismo pouco fixeron por aproveitalo, reduciuse a poboación a menos da metade e decaeron todos os sectores produtivos. E seguimos na mesma.

Un dos sectores económicos de Cea é o seu pan, con oito séculos de existencia, coñecido en case todo o mundo, e que se non se toman medidas morrerá xunto co Pobo. Non está habendo reposición para a/os panadeira/os que se xubilan (nos últimos anos xa pecharon 6 fornos).

Leiras das Naveas que no siglo pasado producían trigo, centeo e millo.

Temos centos de hectáreas de agro invadidas pola maleza, nas que non fai moito tempo se sementaban todo tipo de cereais, entre eles o trigo autóctono empregado na elaboración do famoso pan. Existían muíños ó longo do ríos e regatos: Silvaboa, Barbantiño, etc., case todos en mal estado; fornos recen restaurados, algúns deles debido a falla de mantemento xa están sen teito, e outros sen restaurar.

Hoxe mais que nunca poder ser o momento, posto que hai cartos, estamos no Xacobeo e nós temos todo a ermo sen ningunha perspectiva de futuro. Os excedentes que en tempos se vendías aos panadeiros agora xa non existen.

Festa do pan
Cando o BNG propuxera ao Pleno da Corporación a celebración dunha festa do pan, o grupo de goberno non mostrou o máis mínimo interese pola idea, pero pouco tempo despois apropiouse dela e ben que tratou de sacarlle partido, celebrándose a primeira festa do pan de Cea en 1991. Outro tanto pasou coa idea para facer a “ruta dos fornos” pola vila o sábado anterior á festa do pan, que tan boa acollida está tendo.

Co tempo acadouse a Indicación Xeográfica Protexida “Pan de Cea” (Orde do 16 de abril de 2004 da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural), pero segue sen acadarse a Denominación de Orixe Protexida porque non se colleita trigo no concello, polo que non se cumpre o requisito de que “a produción se realice na zona xeográfica”.

A través da prensa temos coñecemento de que outros concellos do entorno se preocuparon de pedir subvencións para sementar trigo autóctono que logo venderían aos panadeiros de Cea. Ata o momento o Concello de Cea non fixo nada neste senso.

Por outra banda, a Unión Europea na Comisión do 16 de decembro de 2019, acordou inscribir a Indicación Xeográfica Protexida “Pan Galego”, no que se engloban diversos tipos de pan coñecidos de Galiza. Por moito que na orde da Consellería de Medio Rural do 14 de Xullo de 2017 pola que se solicita a IXP-Pan galego á Comunidade Europea, se faga mención especial ao pan de Cea, o certo é que agora queda diluído baixo o paraugas da IXP-“Pan Galego”.

“Dun turismo de milleiros de peregrinos de todas as partes do mundo que ó longo de todo o ano pasan por Cea; unha parte está interesado pola cultura e tradicións”

Dun turismo de milleiros de peregrinos de todas as partes do mundo que ó longo de todo o ano pasan por Cea; unha parte está interesado pola cultura e tradicións e adoita preguntar por lugares interesantes para poder visitar. Son moi escasos os muíños en condicións de moer e moi difícil o acceso moitos deles.

Todo este potencial económico desperdíciase pola desidia de un goberno municipal pouco imaxinativo, máis interesado en asignarse elevados salarios que en recuperar e desenvolver as nosas capacidades.

“O Grupo Municipal do BNG, considera que fomentar o cultivo do trigo no concello debería ser unha política lóxica”

O Grupo Municipal do BNG, considera que fomentar o cultivo do trigo no concello debería ser unha política lóxica, non só polo valor da produción deste cereal ou pola aportación que poidera supoñer cara á consecución da Denominación de Orixe Protexida, senón porque tamén axudaría a desbrozar amplias zonas, abrir novas pistas e mellorar os camiños existentes, evitar os lumes e incluso mellorar as condicións cinexéticas.

Outros artigos