O BNG de Cea pide o cambio de nome das rúas Calvo Sotelo e José Antonio polo de “Avda das Panadeiras”

Polas súas vinculacións co réxime franquista

San Cristovo de Cea | Para o BNG de Cea, vai sendo hora de eliminar do rueiro municipal aqueles nomes vinculados á ditadura franquista e substituilos por outros máis neutrais, que teñan implicacións positivas para a veciñanza.

Este é o motivo polo cal o Grupo Municipal do BNG presenta para o seu debate, e agardan, aprobación, unha moción na que insta ao goberno local a iniciar o cambio de nome de varias rúas do Concello.

Segundo o BNG, “se queremos afondar na democracia é preciso buscar nomes que non provoquen o rexeitamento de ninguén, fomentando a neutralidade e o entendemento entre todas e todos, así como aproveitar esta circunstancia para enxalzar Cea”.

Tal e como afirma o portavoz nacionalista Manuel Pérez, “son merecentes de distinción aquelas persoas que levantaron o pobo co seu traballo e esforzo. Neste aspecto cabe destacar, sen menosprezo de ninguén, dous sectores que foron chave para levantar o Concello, as panadeiras e a emigración”.

“As panadeiras cocían, levaban o pan e atendían o seu fogar. Así foron levantando pouco a pouco, co seu traballo diario, un sector que na actualidade e básico para Cea polo que ben merecen que unha das principais rúas leve o seu nome”. Por estes motivos, desde o BNG de Cea propoñen que as actuais rúas Calvo Sotelo e José Antonio muden o seu nome polo de “Avenida das panadeiras”, en clara alusión a un dos sectores referentes do Concello ao tempo que solicitan que dita avenida comprenda o mesmo tramo que na actualidade corresponde ás dúas rúas modificadas.