O BNG co sector agrogandeiro na tractorada en Ourense

O acordo UE-MERCOSUR e a nova PAC suporán “unha redución moi importante dos fondos europeos ao agro galego”

Ourense | Unha delegación do Bloque Nacionalista Galego acompañou ás gandeiras e aos gandeiros na tractorada diante da Subdelegación do Goberno en Ourense para amosar o seu rexeitamento ao acordo comercial entre a Unión Europea e o MERCOSUR, un tratado que o BNG considera gravemente lesivo para o sector produtivo galego e contra o que os nacionalistas xa presentou diversas iniciativas nas institucións nas que se atopa representación o BNG.

Na mobilización participaron a eurodeputada do BNG, Ana Miranda; os deputados do BNG no Parlamento de Galicia Iago Tabarés, Secundino Fernández e Sonia Vidal; os deputados do BNG na Deputación de Ourense Bernardo Varela, María Mangana e Xosé Manuel Puga; así como o portavoz do BNG no Concello de Ourense, Luís Seara.

Durante a concentración, a representación nacionalista amosou o seu apoio explícito ao sector agrogandeiro galego e denunciou as consecuencias negativas que terá o acordo UE-MERCOSUR pola entrada masiva de produtos agrarios foraneos, sometendo ás explotacións galegas a unha competencia desleal e sen cumprir ningún d dos requisitos esixibeis á gandeiría galega.

Desde a organización nacionalista sinalaron que o acordo permitirá a entrada dun enorme volume de productos procedentes do outro lado do Atlántico para abastecer o noso mercado, así, favorece monocultivo e especialización agraria de grandes extensións para o seu posterior traslado a miles de quilómetros. Prácticas completamente contrarias á descarbonización, a recuperación da biodiversidade natural, a soberanía alimentar e o consumo de produtos de proximidade. É preciso tamén destacar que os cultivos e cría de gando son realizados en condición moi diferentes, pois permítense unhas prácticas -uso de pesticidas, antibióticos, piensos…- nos que non se aplican os mesmos estándares que na Unión Europea e os controis en orixe non son os mesmos.

Responsabilidade do PP
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, sinalou que “hoxe estamos en Ourense para acompañar ao sector gandeiro que se está mobilizando diante da Subdelegación do Goberno para denunciar un acordo que impón condicións moi graves ao sector agrogandeiro galego”. Miranda subliñou que se trata dun tratado “no que o Partido Popular ten unha responsabilidade directa, porque goberna en Europa, goberna en Galicia e promove acordos que prexudican un sector estratéxico para o noso país”.

Neste sentido, Ana Miranda foi contundente ao afirmar que “o BNG non vai apoiar ningún acordo destas características, que o único que fai é poñer o noso campo en situación de clara desvantaxe fronte a terceiros países, sen ter en conta os intereses das produtoras e produtores galegos”. “O campo galego non pode ser vendido, e aquí estamos para deixalo claro”, concluíu.

Pola súa banda, o deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Secundino Fernández, denunciou non só o acordo UE-MERCOSUR, senón tamén ás previsións da nova Política Agraria Común. “Estamos aquí apoiando ás gandeiras e aos gandeiros de Ourense e de todo o País fronte a uns acordos que serán moi lesivos, porque suporán unha redución moi importante dos fondos europeos destinados ao noso campo”, advertiu.

Desvío de fondos
Fernández denunciou que “eses fondos están a desviarse cara a outros fins, mentres se recortan recursos fundamentais para o medio rural, a gandería e a agricultura, especialmente aqueles destinados á remuda xeracional, imprescindibles para que a mocidade poida incorporarse ao agro”. O deputado nacionalista alertou de que esta reforma “é un paso máis cara ao abandono do medio rural galego” e chamou a “frear unha deriva que supón un novo golpe ao futuro do noso campo”.

O deputado nacionalista sinalou ao Partido Popular como principal responsable “o Partido Popular, en Galicia dí unha cousa, pero na Unión Europea, onde gobernan e onde teñen e poder decisorio na Comisión Europea, din outra”.

O BNG reafirma así o seu compromiso coa defensa do sector agrogandeiro galego, do medio rural e da soberanía produtiva do país, situándose ao lado das persoas que viven e traballan da terra fronte a decisións tomadas desde Bruxelas que ignoran a realidade e as necesidades de Galicia.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.