Ourense lembrou o 51º aniversario do asasinato de Salvador Allende en Chile

Cun acto organizado polo PSdeG e as Xuventudes Socialistas co concelleiro do Barco de Valdeorras e exiliado chileno Orlando Saavedra

Ourense | A Comisión Executiva Municipal do PSdeG de Ourense e as Xuventudes Socialistas organizaron un acto no que Orlando Saavedra -actual edil socialista en O Barco de Valdeorras, militante do Movimiento de Izquierda Revolucionaria (MIR) e dirixente estudantil- rememorou e afondou na súa testemuña directa do que foi o golpe militar en Chile, o 11 de setembro de 1973, e o asasinato do presidente Salvador Allende.

Nado no deserto de Tamarugal, ao norte de Atacama, Saavedra estaba a rematar na capital a carreira de Medicina cando os acontecementos que remataron co goberno socialista tiveron lugar. Lembrar esa data supón para el, segundo explicou, “un día triste, pero reivindicativo, sen esquecemento”.

Tal e como relatou, os golpistas detivérono e acusárono de “terrorista”, polo que a principios de 1974 escapou a Bos Aires. “Alí permanecín ata que a ditadura arxentina tamén comezou a perseguir e facer desaparecer aos que estabamos exiliados”, polo que a finais de 1976 chegou a Barcelona e, finalmente, a Ourense.

“A día de hoxe, 51 anos despois daquel brutal ataque á Democracia que estremeceu ao mundo, é difícil convivir con individuos que miraron cara outro lado, aplaudiron ou, sinxelamente, pretenderon exterminarnos. Allende, co paso do tempo, faise cada vez máis grande e premonitorio”, expuxo durante o coloquio que tivo lugar na Biblioteca Nós esta tarde.

Pola súa banda, Xosé Lois Carrión (secretario de Memoria Histórica da CEM) estableceu unha relación entre o poñente, exiliado por culpa do golpe de Estado, co documental ‘Universidad comprometida’ sobre o extraordinario discurso do presidente chileno filmado por Carlos Velo (cineasta ourensán a quen o franquismo fixo tamén exiliado en México). Un filme que recolle a que está considerada como unha das mellores intervencións políticas en público do século XX e que os asistentes puideron visualizar.

Así mesmo, Daniel Barredo, coordinador provincial das XX. SS., incidiu na importancia de rememorar o “tristemente célebre final de Allende”, o seu “exemplo moral” e o seu “soño de xustiza social e dignidade para Latinoamérica”. “Se ben Chile foi campo de polarización política e crispación social no período que transcorre entre o triunfo electoral da Unidade Popular e o golpe militar, este mesmo país tamén foi exemplo dunha transición democrática pacífica iniciada coa derrota electoral do pinochetismo no referéndum de 1988 e culminada coa elección de Patricio Aylwin como lexítimo presidente constitucional en 1990”, enumerou realizando un repaso pola historia máis recente do país andino.

A secretaria xeral do PSdeG en Ourense, Natalia González, destacou o papel fundamental que as diferentes administracións e partidos políticos teñen para que a memoria de figuras entregadas á xustiza social, como a de Salvador Allende, non caian no esquecemento.

“Quen dignifica a política e a emprega como unha ferramenta para mellorar a vida das persoas, poñendo a súa propia por diante, deben converterse en inmortais. E iso só se pode acadar se nós, como sociedade, continuamos o seu legado e loitamos contra a reescritura da Historia que algúns queren impoñer”, rematou.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.