
A Cañiza | O Alcalde Luis Piña e o Presidente do Club, Marcos Estévez, formalizaron o pasado venres a sinatura do V convenio oficial de colaboración, que contempla unha achega mensual de 1.666,67 €, un total de 20.000 € anuais, así como o dereito de uso e explotación do pavillón municipal “Carballo do Marco”, sede do club, e o acceso a diferentes vías de financiamento para o desenvolvemento das súas actividades ao longo do ano. Un acordo destinado a apoiar a actividade deportiva e que supón un importante respaldo para o funcionamento do Clube.
O convenio tamén permite ao balonmán Cañiza xerar ingresos propios mediante a venda de entradas, cotas das escolas deportivas, explotación de publicidade nas instalacións e outras actividades vinculadas á súa actividade. Por outra banda, refórzase a colaboración institucional, aumentando a visibilidade do clube e do municipio en competicións de ámbito autonómico e estatal. Así mesmo, foméntase o desenvolvemento da canteira, a promoción do deporte feminino e a realización de actividades de carácter social.
En conxunto, este acordo proporciona ao Clube Balonmán Cañiza estabilidade económica, apoio loxístico e un marco de colaboración que favorece o seu crecemento deportivo e o seu impacto social no municipio.
O acordo, aprobado polo Pleno municipal o pasado 30 de xaneiro, foi rubricado o venres 20 de marzo no Salón de Plenos do Concello, nun acto que contou coa presenza dunha ampla representación do balonmán cañicense. A sinatura do Convenio que tivo lugar ás 19h no Salón de Plenos do Concello, contou coa presenza de concelleiros da Corporación, coa participación de xogadores e xogadoras, dende a base ata os senior masculino e feminino e a asistencia da Xunta directiva, equipo técnico e cadro de adestradores e familiares.
Segundo destacou o Alcalde, “este convenio ten como finalidade impulsar o balonmán na Cañiza, tanto no ámbito da base como na alta competición, ao tempo que contribúe a proxectar a imaxe do municipio a través da participación dos equipos en competicións de carácter provincial, autonómico e estatal”.
Durante a súa intervención, Luis Piña puxo en valor o traballo desenvolvido polo club ao longo dos anos, salientando que “sacrificio, disciplina e espírito deportivo son piares fundamentais que explican os éxitos acadados”.
Na actualidade, o club conta con dous equipos en categorías destacadas da RFEBM: o “Balonmán Saeplast Cañiza”, na Primeira Nacional masculina, e o “Oliveira & Faro Saeplast Cañiza”, na División de Honra Prata feminina. Unha realidade que, segundo o Alcalde, “serve de exemplo e estímulo para os máis novos, ao tempo que contribúe a levar o nome da Cañiza máis alá do noso territorio”.
Tamén tivo palabras de recoñecemento para os xogadores e xogadoras que, formados na canteira do club, foron e seguen sendo convocados polas seleccións galegas.
A renovación deste convenio supón, ademais do apoio económico, un recoñecemento institucional á traxectoria do club e aos valores que representa. “Falamos dun colectivo que, grazas ao esforzo e á constancia, conseguiu situar o Balonmán Cañiza como un referente en Galicia”, destacou o Alcalde.
Uns logros que, segundo sinalou, “nos fan sentir orgullosos a todos os veciños e veciñas da Cañiza”.
O Alcalde animou aos responsables do club a continuar avanzando na mesma liña de traballo, baseada na superación, a disciplina e o traballo en equipo.
Así mesmo, quixo recoñecer o papel fundamental do equipo directivo, do cadro técnico, das familias, da afección e das empresas colaboradoras, que fan posible este “gran proxecto deportivo”.
O Concello leva investidos máis de 359.000 € nos últimos anos na modernización do pavillón municipal “Carballo do Marco”, sede do club. Entre as actuacións realizadas destacan:
• Mellora da cuberta e eliminación de humidades: 50.000,00 €
• Reforma integral da primeira ala de vestiarios: 46.054,60 €
• Reforma da segunda ala de vestiarios: 48.763,70 €
• Instalación de videomarcador: 25.000,00 €
• Construción dun novo ximnasio municipal: 77.081,55 €
• Renovación do cadro eléctrico: 2.542,57 €
• Instalación de paneis solares (50 kWp): 47.916,00 €
• Mellora da eficiencia enerxética (LED e aerotermia): 61.659,19 €
Este investimento, segundo destacou o Alcalde, “evidencia o compromiso firme do Goberno municipal coa mellora das instalacións deportivas e co apoio ao deporte local”. “O pavillón é hoxe un espazo máis moderno, eficiente e adaptado á intensa actividade deportiva que acolle semanalmente. Unha infraestrutura á altura dun club referente, que merece contar coas mellores condicións tanto para adestrar como para competir”, concluíu.




