O ano pasado na Illa da Toxa.

Case sempre preocúpame ese deterioro evidente das linguas, hoxe de todas elas, e o exercicio de desprezo que amosan sobre todo os que mandan no peculiar emprego de resumes, protexéndose das informacións e envoltos en palabras do aparente. Considero é un desprezo ou un retroceso, e prodúceme dor e vergoña, supón un decaer de responsabilidade cos códigos expresivos e de comunicación para posible entendemento.

Cando era rapaz corrixíannos na escola e na casa, dicíannos como eran as correctas formas de aviso e amabilidade máis ou menos debida. Na escola, os mestres e mestras eran puntualísimos ilustradores do bo exercicio expresivo, no oral e na escrita. Hoxe todos sabemos que estes principios perdéronse e non exercen aquela axuda nin nos centros educativos nin nos seos das familias.

Desdebuxáronse os espazos sosegados para a concreción, para falar e entender, para indicar e emendar. As escolas teñen moitas prioridades -outras- e as linguas pérdense nos corredores plurilíngües soñados e nas urxencias. Nesa ilusa condición que prioriza o que cotiza en bolsa, normalmente de fóra, ten prioridade suprema o inglés -lingua de porvir, segundo os expertos-, despois din que é o idioma “común” (chámanlle para xustificar a preferencia) que é o castelán, e xa ao final e como algo circunstancial, algo anecdótico e litúrxico: o galego. Precisamente a lingua nai.

Perdéronse os estribos, a educada forma de habitar lugares, de corresponder coa amable cortesía e así o cabalo cabalga tolo de desexos pola reprensión, amoestación, a reprimenda que acomplexe e desbote o principio básico, agora en escarmento! Un foro só de homes e exclusivo, no que esqueceron case todo. Pobres ricos! Pasou xa no verán pasado e está a vir outro verán.

Así as linguas sofren tamén deterioro neses ámbitos exclusivos. A culpa hai que botala a quen a ten, comezando polas cadeas de televisión e os medios de comunicación, onde aparecen maneiras e modos nada ilustrativos para o bo exercicio da palabra, moito menos da “palabra nosa”. Non é raro escoitar tempos compostos e outras cousas semellantes, mesmo castelanizacións abrasivas en contundente formato de calamidade e de obtuso inconveniente. Outra culpa é das redes sociais que, nesa ansia apocopada reducen a expresión por apósitos ou debuxos que minorizan o hábito de facer circular o vocabulario preciso dunha lingua.

“Así as linguas sofren tamén deterioro neses ámbitos exclusivos”

Tamén se suma a culpa dos sucesivos plans de ensino que permiten ese reducionismo expresivo, lonxe do almacén de palabras que deberamos posuír. Outra culpa, e grande por certo, é a cantidade de anglicismos que se nos foron metendo polos ollos e tamén no estómago. Agora e sempre resultan moito máis convincentes e gratificados, mesmo de moda. Entraron da man da publicidade e xa se nomean as cousas nese invasivo idioma que nos limita. O whatssapp e xeitos similares son armas enormes contra a corrección advertida e contaxian tamén a fala reconverténdonos vencidos.

Ademais todo isto sucede nun estado de regresión lectora que afecta grandemente. Pouca é aquela xuventude que volve polos libros e as lecturas soñadas en impredicibles horizontes, en soños de abrir o mundo. Anque hai excepcións moi dignas de significar. Contentaríame tan só con ver a intención e a vontade de recuperar os fallos dos sistemas, facilitando o avance primeiro da “nosa” lingua, e tamén de todas as outras, sexa nas aulas ou fóra delas. Mais hanme perdoar que volva sentir vergoña e indignación, sobre todo despois de ver aos políticos de turno no “Foro de La Toja”, mesmamente na Illa da Toxa. Falaban e rían. Todo marabilloso desde os mentidoiros e os debates. Inclúo o noso máximo representante autonómico que se sometía ao sorriso compracido en vez de cumprir e facer cumprir a Lei, aquela que nos protexe en Lingua Propia e na toponimia debida dos recantos.

Se coa Lingua Nosa fan así, como farán cos outros bens que posuímos! E con aquilo que non nos deixan ser! Todo foi moi ben, noutras linguas. A nosa Lingua vendida por un prato de lentellas, unha vez máis.

Mestre e músico.