O Álbum de Galicia abre o ano con Florencio Delgado Gurriarán

Homenaxeado no Día das Letras 2022
Florencio Delgado Gurriarán é a figura á que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2022.

Santiago de Compostela | A primeira entrada do ano do Álbum de Galicia é para Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, 1903- Fair Oakes, USA, 1987), figura á que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Xosé Ramón Fandiño asina a entrada deste avogado, militante galeguista e poeta exiliado en México.

Naceu o 27 de agosto de 1903 en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras). Como seu pai era perito agrícola e funcionario do Ministerio de Fomento viviu en Ourense, Palencia e Valladolid, onde estudou Dereito entre 1918 e 1924. Rematada a carreira e cun novo destino do pai na Coruña, a familia instálase en Córgomo e Florencio decide preparar oposicións a rexistrador da propiedade. Estudos que abandona cedo para traballar como avogado no Barco e a colaborar nos xornais El Heraldo de Galicia, de Ourense, e en A Nosa Terra. Acadada unha notable sona como avogado e como poeta.

Afiliouse ao Partido Galeguista onde xogou un papel activo e moi comprometido, sobre todo, coa defensa do idioma. Unha militancia que ao estalar a Guerra Civil fixo que estivera agochado en varios lugares de Valdeorras e Valladolid. En outubro do 1936 foxe a Porto onde colle un barco para Bordeos.

De alí trasládase a París ata xaneiro de 1938, cando pasou á Barcelona republicana para formar parte da Subsecretaría de Armamento e despois logo no Servizo de Información Periférico do Estado Maior do Exército de Terra. Alí participa na organización da evacuación de refuxiados políticos e mantén o seu compromiso coas letras con colaboracións en varias publicacións.

En 1939 exiliouse en México, país no que seguiu loitando polo ideal galeguista como creador das revistas Saudade e Vieiros, fundador do Padroado da Cultura Galega e como representante na delegación de Galeuzca en México.

Poeta e tradutor
Asegura Fandiño na súa entrada que os vértices da súa poesía arredor de tres eixes temáticos e estilísticos: “a obra lírica e sensual de Valdeorras, compilada no libro Bebedeira; a poesía de loita e defensa da lingua galega e belixerante contra o fascismo, que se publicou sobre todo en Nueva Galicia e se recolleu no libro O soño do guieiro.

O terceiro eixe é o da poesía crioula recollida nas revistas Saudade e Vieiros e no libro Galicia infinda, na que o autor mostra a súa admiración pola realidade mexicana, e a capacidade da lingua galega para dialogar cun sistema literario tan diferente como o mexicano”.

A obra publicada por Florencio complétase coas súas traducións da poesía francesa ao galego. En 1982, el mesmo recoñecería: “Eu, como exercicios para arrequecer o meu pobre vocabulario galego, fixen tantiñas traduzóns, ou máis ben paráfrases, de poemas de sobranceiros poetas franceses”.

A súa entrada do Álbum chega acompañada de diferentes recursos que permiten completar o seu perfil biográfico, así como unha serie de epístolas que intercambiou con Valentín Paz Andrade.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa.

A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas.

Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.

O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.

Ligazóns relacionadas
http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1077