O 60 por cento dos accidentes mortais na provincia de Ourense foron por alcohol e drogas

As sancións pasaron das mil en 2025 e motivaron a perda de 4.700 puntos

Ourense | Eladio Santos, subdelegado do Goberno en Ourense, pediu esta mañá á cidadanía non conducir baixo os efectos das drogas e o alcohol, unha conducta “que estivo detrás do 60% dos accidentes mortais ocorridos na provincia este ano”. Fíxoo durante a presentación da campaña especial de control de alcohol e drogas que comeza hoxe e se prolongará ata o 20 de xullo. Estivo acompañado do xefe do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense, Javier Barja, e do xefe provincial da Dirección Xeral de Tráfico, David Llorente.

Durante a supervisión do inicio da campaña, na estrada OU-101, unha vía de entrada á cidade de Ourense, Eladio Santos advertiu das “terribles consecuencias” que provocan as sustancias ao volante, xa que nos 5 accidentes mortais que ocorreron na provincia durante este ano (4 en vías de competencia estatal e un comunicado pola Policía Local de Ourense), en 3 de eles estiveron presentes o alcohol ou as drogas na explicación das causas do sinistro. Por iso, apelou á necesidade de concienciación por parte da cidadanía.

O subdelegado do Goberno explicou que esta tradicional campaña realízase en toda España, non só en estradas, senón tamén nas vías urbanas dos Concellos con Policía Local que se sumaron á iniciativa. Na provincia de Ourense participan tres Policías Locais, as do Barco de Valdeorras, Xinzo de Limia e Trives. “Este tipo de campañas de vixilancia son esenciais e axudan a manter a seguridade nas estradas, pois non hai que baixar a garda nin dentro das vilas nin fóra”, indicou.

Santos informou de que as sancións administrativas por conducir con presencia de alcohol e de outras drogas foron 1.024 na provincia de Ourense no que vai de ano, que motivaron a perda de máis de 4.700 puntos. “Ademais, temos os delitos contra a seguridade viaria, onde podemos dicir que entre a Garda Civil de Tráfico e as Policías Locais se formularon máis de 200 atestados na provincia por delito de alcoholemia positiva, mentres que os positivos de drogas se tramitaron administrativamente na súa práctica totalidade”, aclarou.

Con independencia das sancións, o subdelegado apuntou que en España xa existe a taxa 0 de alcohol para condutores menores de idade (titulares de permisos AM de ciclomotor e A1 de moto de ata 125cc) desde marzo do 2022. Ademais, lembrou que se tramita nestes momentos a inclusión dunha taxa en aire xeral para todos os condutores de 0,1 mg/l en aire exhalado, o que equivale a non tolerar o consumo de alcohol ao volante. Finalmente, indicou que no que ten que ver coas drogas se castiga a mera presencia delas no condutor, polo que a mensaxe tamén é “de total incompatibilidade das drogas e a condución”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.