O 16º Salón do Automóbil reúne en Expourense a 15 concesionarios oficiais

Ofrecerán coches novos e de ocasión de 27 marcas

Ourense | Os concesionarios oficiais da provincia de Ourense pertencentes á Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, A.C.A.U.T.O., participarán como expositores no 16º Salón do Automóbil que se celebrará durante dúas fines de semana seguidas en Expourense. A fin de semana do 17 ao 19 de outubro terá lugar o Salón do Vehículo Novo, e dende o 22 ao 24 de outubro o do Vehículo de Ocasión.

O 16º Salón do Automóbil foi presentado en Expourense nun acto no que participou o presidente do comité executivo de Expourense e delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo Cid; o deputado da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández Fernández; o secretario xeral de Cáritas Ourense, Javier Soto Varela, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez González. Por parte de ACAUTO interviu o seu presidente, César Fernández Mosquera, que participou acompañado pola vicepresidenta Eva André Cendón, e por boa parte da xunta directiva desta asociación empresarial.

Esta edición servirá para renderlle homenaxe a Ramón Seijas Pérez, presidente de ACAUTO ata o seu falecemento hai uns meses. “Foi o principal impulsor deste evento, figura clave en ACAUTO e un referente indiscutible do sector da automoción en Ourense. Foi un gran defensor do papel dos concesionarios como motor económico e social de Ourense”, indicou César Fernández.

Todas as marcas presentes presentarán os últimos lanzamentos e os vehículos que se van comercializar na campaña do 2026. En total, participarán 15 empresas representando a 27 marcas que presentarán en total unha trintena de modelos novos en todas as motorizacións existentes na actualidade.

Tanto dende ACAUTO como dende Expourense indícase que estas dúas citas son unha magnífica oportunidade (por calidade, cantidade, variedade e prezos especiais en feira) para aqueles que buscan un coche novo. Como incentivo para animar aos visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volverá sortear, entre os visitantes que pechen a compra dun automóbil novo ou de ocasión nestas citas, un cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do prezo de compra do vehículo adquirido.

Este ano repítese tamén a colaboración con Cáritas Ourense, entidade que recibirá ao rematar estas citas unha cantidade de 15 euros por cada vehículo vendido que será achegada por ACAUTO. Dende que se realiza esta acción que comezou no 2016, xa se teñen achegados máis de 40.000 euros.

Para facilitar a elección do novo coche familiar, volverá haber servizo de ludoteca gratuíto durante toda a fin de semana (venres de 17.00 a 20.30 h.; sábados de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 h. e domingos de 12.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 h.).

O horario do 16º Salón do Automóbil será os venres 17 e 25 de outubro de 11.00 a 20.30 h.; os sábados 18 e 25 de outubro de 10.00 a 20.30 h., e os domingos 19 a 26 de outubro de 11.00 a 20.00 h. O prezo da entrada son 3 euros por cada salón (menores de ata 12 anos teñen entrada gratuíta).

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.