Novo espazo público na rúa Pío XII do Porriño

Asinado o convenio coa Deputación de Pontevedra

O Porriño | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou o convenio de colaboración co alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, para o financiamento do proxecto de creación dun novo espazo público na contorna da rúa Pío XII e o Centro de Saúde. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos.

No Pazo provincial, López e Lorenzo selaron un acordo para impulsar a actuación, que ascende a máis de 2 millóns de euros e que serán financiados pola Deputación de Pontevedra cunha achega de 1,1 millóns de euros ao abeiro deste plan.

Neste novo espazo público construiranse zonas de descanso e reunión, gradas que funcionarán como un anfiteatro para actividades culturais, así como áreas de xogo infantil cubertas e adaptadas para rapazada de distintos tramos de idade. Tamén contará cunha zona de auga con fontes secas e canles decorativas que mellorarán o espazo tanto estética como funcionalmente.

Plantaranse especies autóctonas para xerar sombra e fomentar a biodiversidade local, con combinación de árbores caducifolias e arbustos que crearán un ambiente acolledor e integrados. Ademais, dotarase de mobiliario urbano e iluminación eficiente. Será un punto clave na revitalización do centro urbano do Porriño, fortalecendo a cohesión social e a convivencia.

O proxecto financiado no Porriño creará un novo espazo público que unificará e mellorará unha área estratéxica dentro do núcleo urbano do Porriño, actuando en máis de 4.000 m2 para transformar parcelas residuais e antigas zonas de aparcamento nun espazo verde e de esparexemento para a cidadanía.

Este novo parque integrarase na rede de espazos públicos do Porriño, creando unha conexión fluída coas rúas Antonio Palacios, a avenida Domingo Bueno, Pío XII e Ramón González. O proxecto busca tamén potenciar a accesibilidade mediante itinerarios adaptados que conecten o centro social co parque, promovendo a inclusión e o uso por persoas de todas as idades e capacidades.

A colaboración da Deputación de Pontevedra co Concello do Porriño non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial arredor de 2,4 millóns de euros a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.