Ponteareas | Tres bandas de música e un total de 9 concertos conforman a segunda edición de “O Son do Tea”, unha iniciativa do Concello de Ponteareas para a posta en valor das bandas de música locais.
Explica o tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, que a primeira edición foi un éxito rotundo que non deixou máis alternativa que a de seguir apostando por esta proposta. “O ano pasado veciñas e veciños, emigrantes retornados e visitantes fixéronnos chegar as súas felicitacións por este ciclo de concertos que lle traia á memoria recordos de infancia e que lles permitiron desfrutar da música cada fin de semana e iso é un indicador que nos satisface e que temos claro que debemos volver ofrecer”. O tenente de alcaldesa engade que ademais do respaldo dun numeroso público, “O Son do Tea” seguirá nan axenda estival ao ser unha excelente plataforma de difusión da tradición musical de Ponteareas e das e dos músicos das tres bandas locais.
Así, ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro, a Banda de Música Unión de Guláns, a Banda de Música de Xinzo e a Banda de Música Reveriano Soutullo, ofrecerán pasarrúas e concertos os sábados e domingos arredor do mediodía baixo a sombra nos xardíns da Xiralda.
Nove concertos que deixan clara a aposta do Concello de Ponteareas por potenciar a cultura musical e visibilizar o bo traballo que se fai nas escolas e bandas de música locais.
Abre o ciclo de concertos de “O Son do Tea” a Banda de Música Reveriano Soutullo este sábado día 5 de xullo, cun pasarrúas dende a Praza Maior ás 12:00 horas que os levará ata os Xardíns da Xiralda onde ofrecerán un concerto ás 12:30 horas.
A alcaldesa, Nava Castro, únese ás felicitacións e salienta que esta proposta tamén contribúe a dinamizar a oferta cultural e promove o encontro arredor da música creando un ambiente agradable que convida a visitar Ponteareas, a percorrer as súa rúas e facer as compras. “Pequenas e grandes accións que dan vida e configuran un espazo dinámico, acolledor e alegre, que contaxia vitalidade e gañas. O ano pasado foi fermoso ver ao público escoitando ás bandas, rememorando momentos”.
400 rapaces no CampaTea Verán
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada da alcaldesa de Ponteares, Nava Castro, visitou ás nenas e nenos do campamento de verán que se desenvolve no CEIP As Veigas e que desfrutaron dunha xornada na praia fluvial das Freixas durante o día de hoxe. Acompañadas do tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, do concelleiro de Ensino, Ricardo González, e da concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, entre outros concelleiros do grupo de goberno, participaron nos diferentes xogos organizados para as nenas e nenos do CampaTea Verán.
Neste encontro, o concelleiro de Ensino destacou que preto de 400 nenas e nenos participan nas distintas quincenas ofertadas para as familias. O CampaTea Verán desenvólvese no centro urbano pero tamén no rural para dar oportunidade ás familias do rural. Deste xeito, a primeira quenda de xullo celébrase no Centro Cultural de Bugarín con 25 nenos/as; a 2ª quenda de xullo é no Centro Cultural de Prado con 30 nenas/os; a 1ª quenda de agosto será no Centro Cultural de Angoareas con 15 nenos/as e a 2ª quenda de agosto no Centro Cultural de Guláns con 29 nenos/as.
A alcaldesa de Ponteareas agradeceu o importante apoio da Consellería de Política Social que por segundo ano consecutivo outorgou ao Concello de Ponteareas o importe máximo da axuda, 55.000 euros para apoiar o desenvolvemento dun amplo programa de actividades de conciliación e sensibilización, entre elas o campamento urbano no centro educativo do centro urbano e outros no rural.
“Seguimos apostando polas familias, pola mellora dos servizos e pola vida no rural. Os campamentos de verán que tamén se ofrecen no Nadal e nas vacacións de Semana Santa son un importante recurso para as familias e tamén unha boa oportunidade para gozar dun tempo de lecer de calidade no que ademais de xogar aprenden”, explicou a alcaldesa.