
Ourense | A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, participou no Colexio O Couto nunha das actividades do programa Pasando a Bóla contra o acoso escolar, que se desenvolve en nove centros da provincia de Ourense. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou a estratexia que está a desenvolver a Xunta para acabar con esta lacra a través do Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar, con distintas liñas de actuación orientadas a promover a inclusión, mellorar a convivencia e garantir un clima seguro nas aulas.
Neste marco, lembrou que a Xunta vén de asinar coa Federación Galega de Municipios e Provincias o acordo para poñer en marcha este ano a nova Rede de Concellos contra o Acoso Escolar, unha iniciativa que reforza a colaboración entre administracións para avanzar na sensibilización, prevención, formación e intervención ante posibles casos.
A representante do Goberno galego puxo en valor o programa Pasando a bóla, que consiste nunha representación teatral participativa que se combina coa intervención do público como unha oportunidade para que a comunidade educativa dialogue sobre este tipo de situacións. Non en balde, ao remate da obra, os estudantes propoñen solucións ás situacións expostas, fomentando así o pensamento crítico e a implicación directa na resolución de conflitos.
A iniciativa, dirixida ao alumnado de 3º a 6º de Educación Primaria, chega este curso a 50 centros e 3.500 alumnos de toda Galicia, contribuíndo a reforzar valores como a igualdade, a non discriminación e a resolución pacífica dos conflitos. Na provincia de Ourense, ademais do CEIP O Couro, desenvólvena os colexios CEIP Plurilingüe dos Blancos (Os Blancos), CEIP Plurilingüe Raúl Fernández (Castrelo do Val), CPI Virxe dos Remedios (Castro Caldelas), CEIP Vicente Risco (Cualedro), CEIP Plurilingüe Amadeo Rodríguez Barroso (Ourense), CEIP Plurilingüe Ribadavia(Ribadavia), CEIP Xosé Manuel Folla Respino (Vilamartín de Valdeorras) e CEIP Rosalía de Castro (Xinzo de Limia).




