Nova Sala de Exposición sobre a Medicina Rural na Casa do Patrón

Situada no edificio nº. 3 do Museo
A exposición ten por obxecto dar a coñecer un dos aspectos máis simbólicos da cultura popular galega: a evolución histórica da medicina tradicional e das boticas ao longo dos séculos.

Lalín | Continuando co proceso de ampliación e mellora das nosas 14 salas de exposición, comezado coa inauguración da exposición “Líbranos do mal: lingua, culto e crenza”, unha mostra única en Galicia que atinxe ao mundo da relixiosidade e a etnomedicina no rural galego, prácenos convidar agora a todos os galegos a que visiten unha nova sala monotemática, situada no edificio nº. 3 do Museo.

Nesta nova sala rematamos a montaxe doutra fermosa colección museística, que ten por obxecto dar a coñecer un dos aspectos máis simbólicos da cultura popular galega: a evolución histórica da medicina tradicional e das boticas ao longo dos séculos, centrándonos dun xeito especial no papel fundamental desenvolvido por un dos persoeiros históricos máis importantes da nosa terra, o médico rural galego.

Unha viaxe polas raíces e alicerces do xeito de ser, da cosmovisión e da identidade do pobo galego. Como soporte teórico desta nova exposición, prodecemos a redacción dun proxecto de musealización desta colección, didáctico, orixinal e novidoso, dentro do marco expositivo do gran Ecomuseo do mundo rural galego, a Casa do Patrón de Lalín.

Os diferentes obxectos expostos, que se complementan con paneis informativos, fotografías e imaxes, para abordar do xeito máis didáctico posible o mundo da medicina rural, están agrupados nos seguintes bloques temáticos: Despacho profesional do médico rural galego. Principais aparellos utilizados na medicina tradicional. Pequena mostra dunha antiga botica rural. Antigos utensilios utilizados na profesión de dentista. Biblioteca médica histórica. Farmacopea popular. Fotografías e imaxes. Paneis informativos. Utilízanse como soportes expositivos vitrinas verticais pechadas, podiums ou bases, marcos, vitrinas e soportes de parede, fotografías e imaxes, varios paneis informativos e díptico explicativo da colección.

A exposición, apta para todos públicos, sen ningún tipo de barreiras arquitectónicas nin sensoriais, trata os temas enumerados, mediante obxectos, instalacións, recreacións, imaxes, ilustracións, fotografías e actividades didácticas programadas.

Os diferentes obxectos expostos, que se complementan con paneis informativos, fotografías e imaxes, para abordar do xeito máis didáctico posible o mundo da medicina rural, están agrupados en bloques temáticos.

A información recollida nos textos dos paneis reforza a mensaxe dos bens expostos e das representacións gráficas, estando escrita con rigor pero de forma sinxela e accesible para todos os públicos, fuxindo dos excesos da linguaxe académica ou científica, coa pretensión de que sexa, ademais de divulgativa, amena e entretida.

Referente pola súa didáctica, referente polos seus recursos expositivos, referente pola súa orixinalidade e tamén por ser un proxecto de base emanado da acción social dunha colectividade –a Asociación Etnográfica de Codeseda- a prol da valorización da nosa Cultura e do noso Patrimonio.

A Casa do Patrón quere facer público o noso profundo agradecemento, pola súa colaboración, aos doutores Jesús Aller, Luís Glez. Taboada “Licho” e Benedicto Rivas Zalabeite, de Lalín, José Arturo Marques Lorenzo, de Santiago e José Manuel Lage, de Maceda (Ourense), así como ás farmacias Carballude Tabaoda, Crespo Soto, García Curros e Inés Madriñán, de Lalín, Carmelo Parrado, de Prado e á farmacia de Dozón e tamén aos dentistas Mauro Fernández Silvela e Roberto Villanueva, ámbolos dous de Lalín.

Fillo de emigrantes galegos, naceu en Caracas. Empresario. Articulista e colaborador en varios xornais. Creador da sección “Con Sentimento” na revista internacional “A Bugalla”. Coautor de "As andrómenas e outros contos" (editorial A Formiga Rabicha). Participa activamente en iniciativas solidarias e culturais.