Nova Oficina de Turismo e Portal do Corpus en Ponteareas

O Concello rehabilitará unha vivenda histórica na Praza Vella para ese proxecto

Ponteareas | O Concello de Ponteareas vén de impulsar o proxecto de rehabilitación dunha vivenda unifamiliar situada na rúa Recuncho da Praza Vella co obxectivo de adaptala para acoller a nova Oficina de Turismo municipal e o Portal do Corpus.

A edificación, catalogada no inventario de bens patrimoniais do Concello polo seu valor como parte integrante do conxunto histórico da Praza Vella, atópase actualmente en estado de ruína. Trátase dun edificio de dúas plantas —planta semisótano e planta baixa— con fachada de pedra granítica encaixado no tecido tradicional do casco histórico.

A intervención permitirá recuperar o esplendor orixinal do inmoble, respectando os seus valores arquitectónicos e patrimoniais, ao tempo que se lle dota dun novo uso público. O proxecto propón destinar a planta baixa a Oficina de Turismo, mentres que a planta semisótano se converterá no Portal do Corpus, un espazo clave durante a tempada de elaboración das alfombras florais. Fóra dese período, este espazo funcionará como pequeno museo do Corpus Christi, permitindo a súa visita ao longo de todo o ano.

A concelleira de Urbanismo, Silvia Fdez Táboas, destacou que “este proxecto combina a recuperación do patrimonio coa creación de novos servizos públicos. Non só rehabilitamos un edificio histórico en risco de desaparición, senón que o poñemos ao servizo da veciñanza e das persoas visitantes, cun uso vencellado á nosa identidade e ás tradicións máis singulares de Ponteareas”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, subliñou a importancia estratéxica da actuación: “A recuperación dos barrios históricos é unha prioridade para este goberno. Queremos devolverlle a vida ás rúas e prazas do centro histórico, apostando por un modelo de vila viva, habitada e con actividade”.

Nava Castro lembrou tamén que esta actuación se enmarca nas distintas liñas de traballo que o Concello ten en marcha, como a Área de Rehabilitación Integral (ARI), grazas á cal se recuperaron 16 vivendas no centro histórico de Ponteareas ao abeiro das axudas a nivel barrio, cun investimento total de 400.000 euros. “Seguiremos traballando para que o noso patrimonio arquitectónico non sexa un recordo do pasado, senón unha oportunidade de futuro”, concluíu.

O Concello informa que abre no día de hoxe o proceso de licitación por vía urxente dispondo as empresas interesadas cinco días para a presentación de propostas.

Con esta reforma, Ponteareas contará cun novo espazo de atención turística, desde o que descubrir as tradicións do municipio e vivir de preto unha das festas máis recoñecidas da comarca e de Galicia: o Corpus Christi, fortalecendo así a identidade cultural e o atractivo turístico da vila.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.