Nova andaina polos vellos camiños.

Comeza un novo ano, coma sempre de esperanzas. Queremos que as cousas vaian mellor. E as cousas irán mellor se nos facemos respectar e se se fan en serio. Eu penso que o problema está no mesmo sistema que nos habita, polo que nos deixamos ir, rexidos e confiados en certa improvisación.

Os servizos non funcionan, os profesionais de calquera administración non dan feito, a situación dá lugar a desesperos de toda aquela xente involucrada que, ou ben ten que dar servicio, ou ben recibilo sabendo que sempre estaremos escasos. Non funcionan sequera as previsións.

As institucións quedaron obsoletas. Non dan reaccionado a tempo para tanto cambio, para esta muda total de paradigmas. Tardamos, quizais, en caer da burra e non temos prevista a zoupada no chan. Pois estamos xa na zoupada e virán novas zoupadas. As cousas devirán prodixiosamente, o futuro está aquí.

“Estamos na lama e enlamados, estamos neste caos de despiste, de  inactividade, da falta de recursos e previsión”

Estamos na lama e enlamados, estamos neste caos de despiste, de  inactividade, da falta de recursos e previsión, da falta de elasticidade para acomodarse aos novos tempos, ás novas circunstancias. Somos lentos na reacción e nas melloras. Debemos ser máis hábiles na prevención, potenciando solucións, na emerxencia de todo tipo de  adversidade.

Hai un tempo todo eran recortes de servicios -ben sabemos dos culpables, agora terán que aceptar a derrota. Si, si, derrota evidente que non queren administrar, e primar -se queren estar no exercicio da cousa pública e da cordura- a satisfacción dos usuarios para recoller resultados dignos, sen lamentarse, no canto de obrar como é sería debido e xa fóra de tempo, que foi o que fixeron e teatralizan. Serán igual cós negacionistas, aos que tanto critican, e que aínda hoxe non aceptan o seu terrible erro?

“A grande “metedura de pata” foi non crer nos instrumentos públicos, nin adaptalos ás novas circunstancias cambiantes”

A grande “metedura de pata” foi non crer nos instrumentos públicos, nin adaptalos ás novas circunstancias cambiantes, nin crear postos de traballo e prestacións diante das novas urxencias de asistencia pública, en todo, ben sexa na sanidade, no ensino, no traballo, na vivenda, nas previsións de todo tipo, nin apostar polo ben público, pois sempre chegaron tarde -aqueles beneficios- da mans dos nosos elixidos. Isto facíano, tan visionarios, desde a súa ansia de sacarlle o peso do estado ao lombo dos cidadáns (xa, xa, xa…), claro está para favorecer as desatentas formas dos servizos privados, que son os que despois fan o que queren e mesmo cobran co-pagos e outras dádivas para subvencionar a falta de vontades, nun modelo asistencial  caótico e de irreverentes modos que se privan de gastar, no mínimo, aínda facendo falta.

Os tempos mudaron para os servizos, hai que anovarse xa. Hai que facer uso dunha nova mentalidade, de investir e coordinar novas atencións públicas, cos medios necesarios que precisan de orzamentos e novas compoñentes, e unha nova forma educada de atender no medio do despropósito no que navegamos, no medio da desfeita, no medio desta ruín temporalidade que nos come vivos e que deixa sen facer o que se debe facer. Debemos quitar a venda dos ollos, debemos ver a verdade.

Os políticos, que son quen manexan os orzamentos e os posibles, andan un algo deixados, uns porque manexan e outros porque deixan manexar, aínda algúns na ansia de dirixirnos ao privado e na rutina perigosa de desfacer calquera servizo público, negando o dereito das persoas a ter un abeiro onde ampararse.

Os cambios agora son precipitados, hai que estar atentos e actuar con dilixencia. Hai que escoitar a opinión da xente esperta e actuar en consecuencia. Os políticos que tal traza lle dan, fano por unha cantas moedas ou por entrar no seu declive no xogo das portas xiratorias que lles garden da vergoña e do traballo.

“O certo é que fai falta vontade de servizo para non contribuír á desorde que habitamos”

O certo é que fai falta vontade de servizo para non contribuír á desorde que habitamos. Necesitamos xestionar con intelixencia e, na nosa cousa política, hai moi pouca xente que teña a vontade, a dignidade -mesmo persoal- e os argumentos para administrarnos ben.

Mestre e músico.