
Non vou poder ir a Estados Unidos. Non porque non me apeteza, nin porque non teña tempo, nin sequera porque non teña ganas de ver rañaceos, bandeiras xigantes e cafés augados. Non vou poder ir porque, ao parecer, antes teño que entregar a miña vida dixital en bandexa.
Resulta que para entrar como turista xa non basta con dicir quen son, onde durmo ou cando me volvo. Non. Agora tamén teño que explicar que penso, que comparto, a quen sigo e que opinaba fai cinco anos ás tres da mañá cando estaba de mal humor e escribín algo que hoxe nin recordo.
Todo por “seguridade”, que é esa palabra máxica que o explica todo e non explica nada. Seguridade para eles, enténdese.
Eu, mentres tanto, fago de sospeitoso preventivo, non vaia a ser que un meme, unha broma ou unha opinión política mal colocada revele que son un perigo internacional armado con ironía e sentido crítico. O mellor é que non buscan delitos, buscan opinións. Non bombas: ideas. Non ameazas: palabras. Non antecedentes: pensamentos. Así que nada, quedo aquí.
Co meu perigoso costume de opinar, as miñas redes sociais cheas de ironía, e esa teima tan subversiva de pensar que un turista non debería pasar por un interrogatorio ideolóxico.
Estados Unidos seguirá sendo o país das oportunidades. Eu, mentres tanto, aproveitarei a miña: non ter que pedir permiso para ser quen son.





