Non hai fronteiras?

Cómpre decatarse da potencia que acadou a iniciativa popular a respecto do tema Terra de Tanxugueiras para representar ao Estado na Eurovision e mesmo para gañala. Mesmo –ou nomeadamente– dos que nunca estivemos pendente da Eurovision Fest.

O pobo é quen máis ordena e vivimos unha revolución nas últimas semanas canto á reivindicación da lingua e produción musical galegas. Porque Tanxugueiras construé dende a fusión entre a nosa tradición musical e os elementos modernos e internacionais que elas mesmas escollen para construir a súa proposta.

Neste contexto, a proposta das Tanxugueiras é atómica, porque foi quen de tirar de ducias de milleiros de galegos (e doutros cidadáns do Estado, seica na súa meirande parte dos territorios e nacións con linguas de seu) para reivindicar a súa lingua, cultura e música.

“Mais nesa mobilización popular insírese unha outra demanda: que o Estado español (…) fose quen de recoñecer que a lingua e a música tradicional galegas (…) puidesen representar un Estado plurinacional, pluricultural e plurilingüe”

Mais nesa mobilización popular insírese unha outra demanda: que o Estado español, nomeadamente o seu establishment político, cultural ou mesmo musical, fose quen de recoñecer que a lingua e a música tradicional galegas (ben que moi fusionada con outros elementos que actualizan e potencian a proposta Tanxugueiras) puidesen representar un Estado plurinacional, pluricultural e plurilingüe que, asemade, fracasa na Eurovision Fest dende o século XX.

Este día vimos como o xurado de cinco persoas que a RTVE nomeou para esta tarefa excluiu Tanxugueiras da final do sábado 29-X, con graves sospeitas a respecto das tres persoas españolas do xurado, tanto polos seus vencellos con outros concursantes como por unha posta en escea ben agresiva a respecto das que sempre foron as gañadoras na democracia do público.

De seguro que Tanxugueiras compite –e ha competir– con esa España que acredita ser unilingüe, unicultural e uninacional. Ao mellor sen se decatar que está dirixida en todos os seus ámbitos por un deep state que tamén existe no mundo cultural, musical e do espectáculo.

Porque a loita non é só cunha lingua galega prohibida de facto para representar España, senón cun establishment musical que non acredita na música que se fixo, fai e fará na nosa Galicia. Nin na súa evolución no próximo pasado nin no próximo futuro.

“Porque a loita non é só cunha lingua galega prohibida de facto para representar España, senón cun establishment musical que non acredita na música que se fixo, fai e fará na nosa Galicia”

Quizais este domingo constituirá un abrente para que loitemos sempre por obter o mellor recoñecemento aos produtos culturais galegos na escea internacional, mais para ir recoñecendo que, neste Estado español no que vivimos, o que compre é recoñecermos o valor destes produtos na propia Galicia, albiscando un mercado europeo e internacional para eles, ao mellor, sen ter que pasar-por forza- pola España.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.