Non ao Día das Forzas Armadas 2026 en Vigo

Manifesto do colectivo Insubmisas contra o Rearmamento Galicia

Vigo | O colectivo Insubmisas contra o Rearmamento Galicia expresa a súa fonda preocupación ante o anuncio de que a cidade de Vigo acollerá o acto central do Día das Forzas Armadas o próximo 30 de maio de 2026, un evento que incluirá desfile militar, exhibicións de material bélico e presenza institucional de alto nivel.

Consideramos que este acto, lonxe de ser unha simple celebración protocolaria, representa unha aposta pola normalización simbólica do militarismo e un uso inaceptable de recursos públicos con fins propagandísticos. Estamos a 29 de outubro de 2025 e, segundo as previsións oficiais, o Goberno español non só alcanzará neste exercicio o 2 % do PIB en gasto militar, senón que pretende mantelo e incrementalo progresivamente até 2030, o que situará o investimento acumulado en defensa por riba dos 200.000 millóns de euros ao final da década. Esta expansión orzamentaria supón un aumento superior ao 40 % respecto a 2015 e consolida un proceso de rearmamento sen precedentes desde a Transición. En paralelo, o Estado destinou miles de millóns á compra de armamento —máis de 4.500 millóns de dólares só a Estados Unidos entre 2023 e 2024— mentres os servizos públicos, a sanidade, a educación, a vivenda e a atención á dependencia continúan sufrindo recortes e precarización.

Diversos estudos, como os de Greenpeace España, salientan que un investimento equivalente en economía verde ou servizos sociais xeraría case o dobre de empregos e un retorno social moito maior que o gasto militar. Neste contexto, a celebración dun desfile militar en Vigo non é un acto inocuo, xa que representa unha alarmante distorsión das prioridades políticas e económicas dun Estado que aposta polas armas mentres desatende o benestar da súa cidadanía.

A elección de Vigo para este acto reforza unha visión da seguridade baseada na forza armada e non na resolución pacifica de conflitos, a cooperación, a xustiza social ou a diplomacia. Converter o espazo público da nosa cidade en escenario de tanques, aeronaves e armamento é unha forma de propaganda institucional que busca naturalizar a presenza do militar na vida cotiá, especialmente entre a mocidade, transmitindo valores contrarios a unha cultura de paz e convivencia. Galicia, unha terra marcada pola desigualdade, a emigración forzada, a precariedade laboral e a deterioración dos servizos públicos, non necesita desfiles bélicos, senón investimentos en benestar, emprego digno, vivenda e sustentabilidade.

Resulta especialmente grave a actitude do Alcalde de Vigo, Abel Caballero (PSOE), quen mostrou un entusiasmo desmedido ante este evento, reforzando unha postura abertamente militarista e contraditoria cos valores de progreso e xustiza social que o seu partido di defender. A hipocrisía do PSOE de Vigo queda así en evidencia: mentres se presentan como garantes do público e dos dereitos sociais, celebran a chegada dun espectáculo armado que desvía fondos e atención das verdadeiras urxencias da cidadanía.

Esiximos ao Ministerio de Defensa, ao Concello de Vigo e á Xunta de Galicia transparencia total sobre os custos do desfile, a procedencia do material militar que se exhibirá e a xustificación do uso de fondos públicos para este evento. Así mesmo, reclamamos a apertura dun debate público onde a sociedade viguesa e galega poida expresar o seu rexeitamento e propoñer alternativas centradas na paz, a xustiza social, a cooperación e o benestar colectivo.

Desde Insubmisas contra o Rearmamento Galicia reafirmamos que outra Galicia é posible, unha Galicia que non se renda ao espectáculo do militarismo, que priorice a vida digna e os coidados sobre a forza armada, que invista en cultura, en servizos públicos, en I+D+i, en igualdade e en paz. Non aceptaremos que o 30 de maio de 2026 Vigo se converta nun escaparate bélico. Ese día, a nosa voz erguerase para transformar a exhibición de poder nunha manifestación de conciencia, antimilitarismo e dignidade.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.