Noelia, Noelia, Noelia.

Noelia, en linguaxe xuvenil, viría a ser algo así como unha nini, con aires de cani, que dá moita cringe. Esta nova comedia surrealista, con aroma a vodevil, tan frecuente nas charcas populares, de seguro servirá para acuñar un novo termo: os nonos.

A Noelia Núñez González só lle faltou poñer no seu curriculum que é filla de Feijoo, de Núñez Feijoo, e de Ignacio González, o home ra de Esperanza Aguirre.

Unha organización que se caracteriza pola honradez e a ética, como é o caso do Partido Popular, sería un despropósito que tivese un departamento de asuntos internos especializado en comprobar os estudos realizados de cada un dos seus membros. Como ía sospeitar un partido ético e íntegro, que unha das súas dirixentes estaba mentindo coma unha ladroa? O desgusto, a día de hoxe, ten que ser tremendo nas filas populares. Despois de estar animando á xuventude a valorar o esforzo e a meritocracia, con exemplos como o de Ayuso, Moreno Bonilla e Mazón, aparécelles este caso.

Ademais, é que ata teñen mala sorte. Hai un mes, convocaron unha manifestación co lema Mafia ou Democracia, na que levaron como estrelas invitadas a Rajoy e Aznar, e, xusto un mes máis tarde, descóbrese o caso Montoro que, presuntamente, nin se molestaba en redactar as leis que el mesmo aprobaba, porque diso xa se encargaban as empresas que subornaban aos membros do seu despacho.

O sorprendente do Noeliagate é como puido ter enganado ao seu entorno familiar. Conversas como a seguinte tiñan que ser do máis cotiás na casa:

“O sorprendente do Noeliagate é como puido ter enganado ao seu entorno familiar”

—Chegou a nena? —dixo con impaciencia o pai—. Cando veña, non te esquezas de preguntarlle se hoxe rematou algún posgrado.
—Aínda non —contestou a nai—. Onte non a vin estudando, seguro que algo remataría. Temos unha superdotada como filla. Se algún día decídese a rillar os cóbados, vaime dar un desgusto.
—Que ben que dera cunhas compañías tan boas —aseverou o pai con orgullo—. Sempre tiven medo que se xuntara con mala xente, pero aí a tes, coa súa panda de amigos, que son tan ou máis intelixentes ca ela.
—Comentoume —dixo a nai— que os perfís dos seus colegas xa non están dispoñibles na rede. Os currículums contiñan tantos datos, que os arquivos nos que se reflectían fixeron colapsar as súas páxinas web.

Entendo que o amor de pais e nais fai comprensible que estes poidan pasar por alto certos detalles difíciles de crer. Agora ben, que lles contaría aos amigos?
—Pelayo, non o vas crer, pero acabo de rematar un máster.
—¿Pero cando, Noelia?
—Agora mesmo, mentres tomabamos o café.
—Es a hostia, tía! Que envexa me das! Como o consegues?
—Se te administras ben, hai tempo para todo. O que non me podo permitir é rematar unha carreira en catro anos, como fai a xente normal.
—Nunca coñecín un caso coma o teu, non te vexo por clase nin na biblioteca e, aínda así, podes con todo.
—Xúrocho, pero creo firmemente que, no caso dalgunhas familias, a intelixencia concéntrase nun só membro.
—É certo —respondeu Pelayo—. O caso de Bea Fanjul, presidenta de Nuevas Generaciones, é igual có teu: ela tan lista, e, en cambio, a súa xemelga finalizou a carreira coma fai todo o mundo, en catro ou cinco anos.

A habilidade de Noelia para enganar a tantas persoas durante tanto tempo é indiscutible e moi valorada hoxe en día. Unha vez que se lle acabou o choio na política, nin tempo lle deu a engrosar a lista do paro, porque un programa de televisión acaba de contratala para que siga impartindo o seu método de como triunfar na vida.

Xa o dicía Nino Bravo: “Hay una chica que es igual pero distinta a las demás y solo sé que se llama … Noelia”.

Mestre no CEIP de Salvaterra de Miño.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.