No Porriño os “contos curan” contra o acoso escolar

Iniciativa da Biblioteca Municipal para cativos entre 3 e 12 anos

O Porriño | O aumento dos problemas e trastornos mentais representa un desafío para o futuro da humanidade, e actuar na idade infantil resulta clave para atallalo. Todos os axentes sociais poden traballar neste obxectivo desde o seu campo de acción, facendo posible unha vida máis alentadora para os nosos nenos e nenas.

No que respecta ao ámbito das bibliotecas, estas teñen a oportunidade de colaborar coa biblioterapia: unha disciplina que usa os libros con finalidade terapéutica, e que nos últimos tempos está amosando o inmenso valor que a lectura pode ter no campo da saúde mental.

A biblioteca do Porriño, comprometida na construción social da súa comunidade, presenta o segundo volume do proxecto “Contos que curan”, un programa de biblioterapia infantil que pretende axudar a previr, identificar e xestionar distintos problemas e trastornos infantís en nenos e nenas entre os 3 e os 12 anos.

Cada boletín ofrece un repertorio de contos de ficción seleccionados, clasificados e recomendados. Desta volta, o número 2 céntrase no acoso escolar, un tipo de violencia entre iguais que afecta a un de cada dez nenos en España. O boletín reúne 77 contos que poden atoparse na propia biblioteca municipal, pensados para apoiar a familias, educadores e profesionais da saúde na súa mediación terapéutica.

“As bibliotecas non só son espazos de lectura, tamén son espazos de coidado, de empatía e de aprendizaxe emocional. Con este proxecto queremos contribuír á saúde mental da nosa infancia desde o que mellor sabemos facer: ofrecer libros que axudan a comprender e a curar”, explica o autor e bibliotecario municipal, David Pérez Rego.

Pola súa parte, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, salientou que “o Concello está firmemente comprometido co benestar dos máis pequenos e coa creación dunha sociedade máis xusta e solidaria. A través da lectura, podemos educar na empatía, no respecto e na convivencia”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.