No pasamento de Basilio Losada.

Por Olegario Sotelo Blanco
Na foto de Bautista Sotelo, “o meu derradeiro encontro con Basilio.”

Acaba de finar en Barcelona Basilio Losada Castro nacido na Pobra de San Xiao (Láncara, Lugo) en 1930. Dende que tiña catro anos viviu fóra de Galicia, residindo primeiro en Madrid, logo en León e a partir de 1939, en Barcelona.

Nesta cidade estudou bacharelato, Filosofía e Letras e mais Dereito. Doutorouse en Filoloxía e dende 1972 foi director do Departamento de Filoloxía Galaico-Portuguesa da Universidade de Barcelona na que máis tarde alcanzou o grao de catedrático.

Losada foi un humanista de moi sólida formación, el mesmo definíase como lector: “teño unha inmensa preguiza para escribir”. Foi sobre todo lector de poesía. Esta e a arte representaron en efecto os dous centros máximos da sua actividade intelectual, que se estende a moitos outros campos de acordo coa súa multifacética personalidade. El considerábase “todo o contrario dun especialista”.

Dende sempre desenrolou unha ampla e competente labor de difusión da literatura galega. Convén salientar a súa colaboración en enciclopedias como Salvat, Espasa, Durvan, Enciclopedia Catalana… Ademais escribiu centos de artigos en galego e publicou poesía galega de posguerra e de poetas contemporáneos. Como crítico literario e tradutor o seu traballo foi constante e sempre me dicía que “traducir é a mellor maneira de ler”.

Basilio foi insubstituíble en calquera acción cultural que se celebrara no ámbito da colonia galega en Cataluña, foi secretario do Centro Galego de Barcelona durante oito anos cando era presidente o seu amigo Manuel Casado Nieto e contribuíu decisivamente á organización da biblioteca desta sociedade, unha das máis completas sobre temas galegos das existentes nas entidades da nosa diáspora.

“Basilio foi insubstituíble en calquera acción cultural que se celebrara no ámbito da colonia galega en Cataluña”

Coñecín a Basilio precisamente no Centro Galego, onde mo presentou Manolo Casado e foron eles dous os culpables de que comezara a miña experiencia de editor anos máis tarde en Barcelona. Os dous colaboraron coa editorial dende o primeiro momento, Basilio chegou a dirixir a colección de poesía Leliadoura, unha das máis importantes publicadas en galego, na que colaboraron amigos seus cataláns como Ángel Crespo, Pere Ginferrer e Manuel Vázquez Montalbán entre outros.

Leliadoura baixo a súa dirección publicou a moitos poetas emerxentes na época como Manolo Rivas, Fernán-Vello e moitos mais. Entre outras moitas colaboracións para a Editorial Rosel fixo a tradución do libro do Nobel José Saramago, Las maletas del viajero.
Fixemos moitas viaxes xuntos a Galicia, sobre todo nos primeiros anos da posta en marcha da editorial, nas que me presentou a centos de persoeiros da cultura galega, entre eles o sempre recordado e hoxe merecidamente homenaxeado Francisco Fernández del Riego, a Ramón Piñeiro, a Carlos Casares, a Vítor Freixanes, a Alfredo Conde…

Cantas veces comemos no restaurante Vilas e máis tarde no Don Gaiferos! Era un amante incondicional da tenreira Stroganoff regada con viño de Amandi neste último establecemento.

“Acaba de finar un bo amigo e colaborador durante moitos anos”

Acaba de finar un bo amigo e colaborador durante moitos anos e, parafraseando a Alberto Cortez na súa canción, cando un amigo se vai, neste caso é moi difícil de encher o espazo baleiro con outro amigo. Hai poucos meses que estivemos Bautista e mais eu, non sabiamos nese momento que por derradeira vez, tomando café e charlando un bo anaco nun local a carón da súa casa. Vino vello, pero a conversa foi tan agradable coma sempre.

Descansa en paz, meu AMIGO.