O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ven de anular as autorizacións administrativas previa e de construción da Xunta do parque eólico (P.E.) A Ruña III, no concello de Mazaricos. A sentenza considerou que a declaración de impacto ambiental (DIA) favorábel da Xunta non era acaída por se limitar ao impacto do parque eólico no canto de avaliar este de xeito conxunto co impacto ambiental da liña eléctrica de evacuación. Tamén considera que a DIA non analisaba, para previr ou minorar, os danos a xerar eventualmente polo P.E. a algúns espazos próximos á Rede Natura 2000.
Axiña chegaron as avaliacións do presidente Rueda e de cadansúas conselleiras responsábeis das políticas ambiental e industrial do Goberno galego, así como da patronal eólica estatal. Todos coincidiron en que a sentenza seica é moi negativa para o desenvolvemento económico galego e que, no plano xurídico, vai contra a xurisprudencia do Tribunal Supremo (TS). En concreto, iría contra da súa sentenza de 21 de marzo de 2025, que anulou unha anterior do TSXG a respecto do P:E. de Campelo, Monte Toural e Bustelo, e anulaba tamén a doutrina do TSXG sob os chamados “fraccionamentos” de P. E.
Mais non hai tal. O que dixo entón o TS foi que partillar unha subestación ou unha liña de evacuación non habería anular “per se” unha autorización por mor dun fraccionamento ilegal (“fraccionamento formal”). Mais a regra xeral nos casos de fraccionamento será o “fraccionamento material” (cando se tente fuxir dunha avaliación ambiental completa e integrada do conxunto dos efectos ambientais que acumulativamente van xerar os P.E. atinxidos individualmente fragmentados).
É dicir, cando o TSXG manifesta na súa recente sentenza que cómpre avaliar conxuntamente, non só o impacto do P.E., senón o da liña que vai levar a enerxía que ese P.E. produza á rede, non fai máis que seguir a doutrina do TS da sentenza que anulou a sentenza do TSXG do P.E. de Campelo, Monte Toural e Bustelo. Fraccionar as autorizacións administrativas previa e de construción dun P.E. non determina a nulidade das mesmas que, pola contra, si procederá cando non se avalíe de xeito conxunto todo o impacto ambiental que xere o proxecto. Os fraccionamentos “formais” serán admisíbeis; mais os fraccionamentos materiais nunca o serán e constituirán causa de nulidade das autorizacións dos P.E. atinxidos, por non se avaliar de xeito acumulativo e global o impacto ambiental que van causar.
“O Dereito europeo confirma a necesidade, en xeral, da avaliación ambiental agás para a repotenciación dos parques eólicos existentes”
Tamén lembraron as fontes devanditas do Goberno galego e da patronal eólica que o Dereito da UE considera a produción de enerxía eléctrica por fontes renovábeis unha actividade económica de interese público superior. Iso é certo. Mais o Dereito europeo confirma a necesidade, en xeral, da avaliación ambiental agás para a repotenciación dos P.E. existentes que non incrementen a enerxía producida en máis dun 15%. Mais o problema de Galicia que non amaña nin amañará nin o Dereito europeo nin o TXUE é que non ten previamente avaliadas ambientalmente as áreas destinadas ao desenvolvemento eólico, o que determinou a pasada e presente enxurrada de proxectos non sostíbeis.
Velaí que unha grande maioría dos procedementos xudiciais pendentes por autorizacións de P.E. agardarán pola súa sentenza definitiva estando suspendidas cautelarmente cadansúas autorizacións administrativas por causa de chatas e defectos da avaliación ambiental da Xunta (patrimonio cultural, flora, fauna, hidroloxía, paisaxe, sanidade humana e animal etc.), moitas veces acreditada por información do propio Ministerio para a Transición Ecolóxica . Xa que logo, o que contará será o exame, caso por caso, da avaliación ambiental da Xunta, fronte ás probas que propoñan os recorrentes, moitas veces avaliadas por esas certificacións ISA do Goberno do Estado. O TSXG respecta a xurisprudencia do TS e do TXUE e o problema lle pertence á Xunta e-tamén- á patronal eólica.





