“No Covelo tentamos maximizar a dimensión social dos orzamentos das festas”

Pablo Castillo | Alcalde do Covelo

Juan Pablo Castillo Amigo (PP) é desde 2015 alcalde do Concello de O Covelo, que celebrará as súas festas neste mes de xullo. Con el conversamos sobre a actualidade municipal deste Concello da Paradanta así como dos proxectos que está desenvolvendo durante a súa xestión.

Xullo é mes de festas para O Covelo. Como está organizando o Concello estas actividades?
Pretendemos acadar varios obxectivos: realizar actividades lúdico festivas ó longo de todo o verán; levar a programación ás parroquias para favorecer as relación entre a veciñanza e mellorar a cohesión social, dando a coñecer outros lugares do Concello; e deseñar unha oferta de actividades que teña en conta a toda a poboación. En definitiva, tentamos maximizar a dimensión social dos orzamentos das festas.

Tamén está a Vía Mariana. Revitalizarase este 2022 esta ruta de peregrinación por Covelo?
A Vía Mariana é unha oportunidade que temos que aproveitar porque pode axudar moito a nosa economía, situándonos no mapa das grandes rutas e camiños. O Concello seguirá apoiando a súa promoción así como coa limpeza nas seis parroquias de paso. Debemos de agradecer aos seus precursores Luis do Freixo e Antonio de la Riera, así como á Asociación Vía Mariana entre os que están comunidades de montes, asociacións culturais, concellos e outros axentes sociais. Na actualidade pódese percorrer con menos masificación que a que presentan outros camiños, disfrutando do rico patrimonio medioambiental, cultural, etnográfico e relixioso.

“A Vía Mariana é unha oportunidade que temos que aproveitar”

O seu goberno destinará máis de 350.000€ na mellora dos servizos públicos. Podemos falar de boa saúde económica municipal?
Este ano aprobamos en pleno por unanimidade as contas anuais de 2021, que remitimos ao Consello de Contas, cun remanente líquido de tesourería de algo mais de 1 millón de euros que ata agora o goberno central non nos permitía investir. En todo caso, faremos uso dun máximo do 60% dos remanentes existentes, coa intención de manter reservas de tesourería suficiente para facer fronte a pagos anticipados de futuros investimentos.

Aprobamos distintas obras e investimentos como a adquisición dun novo camión de recollida de lixo; un novo brazo desbrozador para limpeza de vías municipais e prevención de incendios; a mellora dos sistemas de abastecemento de augas municipais e instalación de novos sistemas de limpeza e control sanitario; a aportación municipal a obras de mellora de espazos públicos como a remodelación da praza e o entorno rural de Paraños.

Dentro do apartado de adquisicións patrimoniais, síntome especialmente satisfeito de aprobar a proposta de adquisición do Serradeiro Os Carranos de Maceira por tratarse dun elemento que forma parte do noso patrimonio histórico que debemos manter e conservar como un dos principais atractivos turísticos e culturais. Ademais, estamos traballando en varias propostas de adquisición de terreos para mellora e ampliación de sistemas de saneamento así como adquisición de inmobles para dependencia municipais. que conten con financiación de outras administracións ou a necesidades imprevistas de gasto.

Que sectores se verán máis beneficiados con estes investimentos?
Podemos dicir que é unha proposta de investimentos públicos que beneficia a toda a veciñanza e que procura o ben común, dende servizos básicos ata a adquisición de patrimonio cultural. No capítulo de investimentos, incrementaremos un 50% os recursos orzamentarios destinados ás políticas de axuda no fogar e atención a persoas dependentes no domicilio.

No relativo ao patrimonio arqueolóxico, como van os traballos no xacemento do Castelo de Faro?
Os traballos duraron unha semana e remataron o pasado 17 de xuño. Os arqueólogos informáronnos que os achados foron importantes en canto á dimensión e técnicas de construción dos muros de peche e reforzos da fortificación, que ten forma ovalada e que rodea o punto mais alto da Serra do Faro. Está nun lugar denominado Alto do Castelo, e quizais nese nome estaba a primeira sinal para o seu descubrimento.

Teñen que finalizar os traballos de análise con métodos físico químicos de laboratorio e técnicas de luminiscencia co fin de datalo asentamento, barallando tres hipóteses: inicios da Idade Media, inicios da época Romana ou Idade de Bronce. O informe final o determinará e para nós suporá recuperar parte da nosa historia e patrimonio común.

Quero agradecer ao grupo de investigación Romanarmy.eu e aos arqueólogos José Costa, Joao Fonte, Francisco Alonso e Manuel Gago por ofrecernos a posibilidade de levar a cabo esta intervención arqueolóxica. Tamén á directiva da Comunidade de Montes de S. Salvador de Prado e ao seu presidente José Fernandez Muradás, pola boa disposición para autorizar os traballos no seu monte comunal, e á Deputación de Pontevedra por aceptar a nosa petición de financiación.

O Concello está impulsando iniciativas en materia de igualdade, saúde sexual e prevención contra a violencia de xénero. Como está sendo a receptividade cidadá ás mesmas?
Con estas iniciativas tratamos de concienciar e avanzar no cumprimento do que nos di o artigo 14 da Constitución, que preserva a igualdade de todos sen prevalecer discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera circunstancia persoal ou social.

Deste xeito, asinamos convenios de colaboración coa asociación LGTBI Condado – Paradanta, organizamos charlas de concienciación e actividades deportivas de grupos contra a violencia de xénero.

Preservación do medio ambiente e optimización do servizo de auga potable. Que proxectos está levando a cabo o Concello?
Acabamos de presentar ao IDAE (Instituto para a diversificación e aforro enerxético do Ministerio para a transición ecolóxica) unha solicitude de subvención para a renovación a tecnoloxía LED de todo o alumeado público que falta por instalar por importe de aproximadamente 900.000 €.

Esta actuación permitirá un considerable aforro no consumo, a redución de emisións de CO2 á atmosfera e unha menor contaminación lumínica.

Ademais, con cargo a subvencións de mellora da Rede Natura da Consellería de Medio Ambiente, solicitamos e executamos actuacións para a eliminación de especies invasoras no entorno do río Tea, a limpeza e acondicionamento de espazos de interese medioambiental como os pasos de Pereiras e Redondo, a mellora e coidado das sobreira de Chan de Mons, e o acondicionamento do aceso e sinalización dos mananciais de augas sulfurosas en Lourido.

Tamén traballamos na limpeza de mananciais, redes de distribución e depósitos durante todo o ano e melloramos os sistemas de garantía sanitaria e potabilidade, pero temos que ser consciente de que debemos facer un uso responsable da auga.

“É unha excelente noticia que se poña en funcionamento definitivamente a PLISAN”

Finalmente, como observa o Concello os avances en torno á PLISAN?
Para todos os concellos do Condado e Paradanta, así como para a Área Metropolitana e o territorio fronteirizo Galicia e Norte de Portugal, é unha excelente noticia que se poña en funcionamento definitivamente a PLISAN porque será unha fonte de creación de emprego, mellora de oportunidades de negocio e crecemento económico, que traerá un cambio nas dinámicas de poboamento de toda a area de influencia.

Debemos aproveitar as sinerxías e o efecto atracción da área loxística e industrial, con servicios públicos próximos e de calidade nun entorno natural coidado, tranquilo, con ofertas atractivas de ocio e ben conservado.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.