“No caso galego, parece que as disposicións fanse para que non se cumpran”

Marcos Maceira | Presidente da MNL

Marcos Maceira Eiras (Santiago, 1979) chegou á presidencia da Mesa pola Normalización Lingüística en 2014. Logo da etapa de Carlos Callón, Maceira atopaba unha situación, senón difícil, si complicada para o galego segundo o presidente da Mesa. Unha serie de feitos con denuncias por discriminación contra galegofalantes, decreto plurilingüístico da Xunta criticado e posto en entredito, non aplicación do Decreto de Normalización e novas plataformas ou asociacións contrarias ao feito mesmo da normalización. Todo isto é o que ten por diante tanto a Mesa como o seu presidente.

A pregunta é obrigada. Cal é a súa visión e conclusión sobre o estado da lingua desde que chegou á presidencia da Mesa?
Realmente non houbo modificacións na tendencia negativa do galego. Non se trata só desta etapa, senón que desde hai décadas hai unha caída importante na utilización do galego. Entre outras cousas porque non se puxeron en marcha accións ou medidas concretas ou reais, para que poidamos utilizar o galego con normalidade e que ademais estea visible e presente. Con esta situación global, realmente é difícil parar ese descenso. Fan falta medidas e accións favorables á lingua. Isto para facer un uso normal da mesma.

A pesar dese descenso, non cre que tamén se teñen dado pasos mesmo desde a propia sociedade? Hai xente que emprega o galego nos medios que usan a lingua do país, aínda que logo non. Iso non ten o seu valor?
É certo que houbo avances. Non obstante, se nos fixamos en todos os espazos onde o galego directamente non existe, son moitos máis que onde o galego si existe. Mesmo aqueles espazos nos que se conseguira máis presenza do galego, hoxe están en retroceso. Por poñer un exemplo, os medios públicos. Quen vexa un telexornal ou uns determinados programas tanto na radio como na TV, vai ver como ás veces se tira de expertos en determinados temas que nin sequera son galegos. Aí temos dobre prexuízo, primeiro social, pois parece que en Galiza non hai expertos para falar de certos temas, cando aquí temos tres universidades con expertos nos mesmos temas que falan galego, e logo que parece que é mellor traer xente de fóra e que fale en español. Tamén hai retroceso no seu uso por parte de cargos públicos.

A nivel social hai un aumento da conciencia e de que a situación é así, de que hai que actuar. Pero por parte dos poderes públicos non hai actuación suficiente, ou hai unha actuación directamente en contra do galego. Este goberno do presidente Feixoo, o primeiro que fixo foi eliminar unha das probas que tiña que ser en galego para acceso á función pública. Por tanto para el, o galego non era necesario para a función pública, cando era un requisito para garantir o dereito de cada persoa a ser atendida en galego na administración pública. Logo está o decreto do plurilingüísmo que reduce máis a presenza do noso idioma nas aulas.

Houbo mobilizacións importantes a nivel social. O que pasa é que se a mobilización social non vai acompañada dunha acción institucional, pois ás veces temos sensación de impotencia e frustración. Non obstante, debemos teimar, porque posibilidades de darlle a volta á situación existen.

Ademais da Mesa, existen outras organizacións socias a prol da lingua. Non sería máis acaído ou necesario, unha unidade de todas estas asociacións?
Nós desde a Mesa colaboramos habitualmente con colectivos de moi diferente tipo. Mesmo con iniciativas que levamos agora adiante, unha Iniciativa Lexislativa Popular, para garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico. Contamos co apoio de organizacións empresariais, veciñais ou culturais. Impulsamos e coordinamos a plataforma “Queremos Galego”. Esta é unha plataforma de máis de cincocentos colectivos de diferente tipo.

Creo que non está tanto aí o problema, como que desde o ámbito institucional non hai resposta á demanda social que existe a favor do idioma. Por iso temos unha sociedade que se mobiliza máis a favor da lingua, e logo un goberno que se move á contra. O reto está en conseguir mudanzas políticas a favor do galego.

O nacionalismo galego gobernou durante tempo nalgúns concellos. A día de hoxe existe algún concello que sexa paradigma dunha política de normalización lingüística efectiva?
É difícil establecer cal sería un concello concreto. Os concellos non son illas á marxe do que acontece no resto do país. Por iso é difícil establecer en que lugar isto funciona mellor. En todo caso, hai concellos que actúan para corrixir a situación do galego no seu ámbito. Fixemos propostas a todos os concellos empezando por aplicar as leis no ámbito municipal. Pero fai falta unha lei colectiva que empece por algo moi simple que é facer cumprir as leis. Porque sempre se chega a acordos ou propostas de lei, coa condición de que logo non se vai cumprir. O que acontece coa Lei de Normalización Lingüística ou do uso do galego na administración.

Logo, no ámbito municipal, a privatización de servizos está a levar que o galego desapareza de moitos servizos públicos. Por conceder un servizo público a unha empresa privada e que en moitos casos está fóra de Galiza.

Sobre a iniciativa que se fixo no Congreso dos Deputados, pedindo o cumprimento da Carta Europea das Linguas, consideran que debería ter saído hai tempo das propias autoridades españolas e galegas?
Ese documento fora ratificado polo Estado español e era de obrigado cumprimento desde o 2001. É increible que no 2017 haxa que pedirlle ao Estado que cumpra un acordo que el mesmo asinou. No caso galego, o cumprimento desa Carta é ínfimo, como di cada catro anos o comité de expertos que mira polo cumprimento dese documento. Como foi o decreto de plurilingüismo que foi posto en evidencia en varias ocasións. Nós temos realizado iniciativas no Parlamento galego, no Congreso dos Deputados para a súa aplicación. Pero hai que lembrar que é o Estado e a Xunta quen vulnera esa Carta, que é un tratado internacional, por tanto lexislación estatal. Só para o castelán hai cincocentas disposicións que amparan o seu uso, pero no caso galego, parece que as disposicións fanse para que non se cumpran.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.