“Nestes momentos, o Concello non ten débedas”

Cristina Fernández Davila | Alcaldesa de Ponteareas

Ponteareas | Cristina Fernández Davila (BNG) foi elixida pola Corporación Municipal o pasado 21 de maio como a nova alcaldesa do Concello de Ponteareas, trala renuncia por motivos de saúde do ex alcalde Xosé Represas, recentemente falecido (24 de maio) Anteriormente tiña sido Concelleira de Ensino e Tenente de Alcalde.

Curriculum; Fernández Davila é técnico especialista en Informática de Xestión, de profesión técnica administrativa e funcionaria da Xunta de Galicia no IES “Val do Tea”.
Falamos coa Alcaldesa Cristina:

Vimos de sufrir o falecemento do alcalde Xosé Represas. Con que sentimento recibe o seu bastón de mando?
Con sentimentos enfrontados. Cun sentimento de orgullo e de honra por representar aos meus veciños pero nunha situación moi triste.

“O proxecto do BNG é de equipo, liderado dende o 2015 por X. Represas; nesa liña vaiselle dar prioridade a ecuperación do espazo público para as persoas”

Pensa seguir con este ritmo de dinámica urbanística?
O proxecto do BNG é de equipo, liderado dende o 2015 por X. Represas; nesa liña vaiselle dar prioridade a ecuperación do espazo público para as persoas. So estamos executando parte das obras dese proxecto global. Remataremos esas obras, faremos mais proxectos. Outros proxectos que xa están feitos, faremos a correspondente obra.

Estes proxectos forman parte do EDUSI con aquela dotación de 5 millons de euros? Xa se acabaron?
Aínda non, aínda estamos realizando proxectos desa estratexia.

O que significa poucos cambios?
Non, nesa liña non porque o proxecto é municipal

Nunha obrigada reestructuración do Goberno Local, Vde. vai asumir as áreas que levaba o anterior alcalde?
Non, neste momento o que podo dicir é que alcaldesa vai quedar coas áreas que levaba, aparte da Alcaldía, e vou levar as áreas de ensino e de saúde e algunha mais. Pero a reestruturación completa ainda non se fixo. Farémola nestes dias próximos.

Ou sexa, queda todo igual?
Non, vai haber cambios.

Ultimamente a Oposición (lémbrolle que tamén goberna) ten denunciado unha sistmática negativa por parte da Alcaldía da entrega de documentación da vida do Goberno. Ata acudiron ao Xulgado. Vai seguir a mesma tónica ou Vde. pensa introducir algún cambio?
Antes ninguén se negou, igual que agora ninguén se vai a negar. Se nalgún momento algunha (documentación) que se solicitou non se lles deu, era porque non estaba ou porque non se lle podía entregar. A intención do goberno municipal nunca é que tiveran que ir ao xulgado para solicitar documentación. Simplemente é que eles soliciten o que necesiten e se lles da.

Logo ía haber cambios?
Eu o que estou dicindo é que vai a continuar facéndose correctamente.

Seguindo coas denuncias da Oposición poderíamos falar dos problemas da Gardería Infantil Municipal, da Traída de Augas de Ribadetea, ou dos contratos da luz que nun Pleno se acordou municipalizar pero nunca se fixo. Vai seguir todo igual ao a nova Alcaldesa vai imprimir outro ritmo de funcionamento?
Co respecto ao tema da auga, hai unha empresa que está contratada para facer un informe que vai reflexar se pode ser municipal ou non, e dependendo do que nos digan tomaremos as medidas oportunas. O contrato da auga existente chegou a caducar porque toda a documentación que necesitábamos para licitar solicitáramos aos xulgados, porque cando fora a Pokémon (investigación xudicial levada a cabo en 2012 sobre denuncias de corrupción en Galicia) unha da maior documentación que retiraron deste Concello foi sobre ese tema en concreto. E ata que non chegou, que foi en setembro do ano pasado, foi imposible licitar nada. O mesmo secretario comentou publicamente a situación de que el mesmo recomendara non tocar ese tema, non licitar ata que non se recuperara esa documentación. El mesmo foi o que fixo os trámites de reclamar en varias ocasións ao xulgado esa documentación.

“Nestes momentos, as contas están saneadas, están saneadas desde o 2018 e a partir de alí tivemos remanente positivo todos os anos, incluso facendo un montón de orzamentos que o goberno anterior non fixera ningún, incluso tendo a obriga no plan de axuste que eles mesmos fixeron de ter un orzamento anual”

Falemos, unha vez máis, das contas municipais. No anterior goberno municipal declarouse que as contas estaban por fin saldadas. Resulta que nestes momentos a Oposición denuncia o empeñamento do Concello novamente. Cal é a situación real?
A diferencia é como nos atopamos no Concello no 2015 e como está neste momento. No 2015 nos atopamos que o Concello debía un montón de facturas, un montón de débedas con proveedores, con bancos, incluso tiñamos débedas con bancos que eran por facer festas, por traer orquestras, por comprar pins para regalar. Nós, nestes momentos, as contas están saneadas, están saneadas desde o 2018 e a partir de alí tivemos remanente positivo todos os anos, incluso facendo un montón de orzamentos que o goberno anterior non fixera ningún, incluso tendo a obriga no plan de axuste que eles mesmos fixeron de ter un orzamento anual. Nós temos nestes últimos anos, un orzamento por ano. Neste momento non hai débedas, os créditos que se están facendo son para adquirir patrimonio e para facer obras. Incluso a maioría dos créditos aos que estamos accedendo son sen xuros.

Neste punto quero recordar que cando gobernaba Salvador e Montoro ofertou a posibilidade de eliminar as débedas municipais, toda a Oposición votou en contra do Plan de Axuste presentado. Obviamente non puido acollerse as medidas de gracia previstas. Por qué votaron en contra e deixaron ao concello empeñado
A oposición pedía eliminar a estación de autobuses… Pedía que se rebaixaran os gastos innecesarios e eles o que facían na súa proposta era aumentar os impostos.

Pero iso obrigou o Goberno de Salvador a aceptar unha novas condicións moito menos beneficiosas. En resume, cando chegou o novo goberno, as débedas estaban a punto de extinguirse. Faltaban tres anos, 2015, 2016 e 2017. Supuñan 300.000 euros menos de ingresos mensuais.
Pero ao final lle obrigaron ao Concello de Ponteareas a reducir eses ingresos porque o primeiro plan de axustes que fixo a Sra. Belén Villar (ex tenente de alcalde e actual líder do PP en Ponteareas), cando chegou a Madrid, o mesmo Montoro botoullo para atrás.

A alcaldesa Fernández Davila e Guillermo Rodríguez durante a entrevista.

A pandemia, que gastos extra lle causou ao Concello? Pode o Concello rematar coas quendas “da fame” que voltamos a ver?
Neste momento non teño cuantificado canto pero si é unha parte moi importante, non só de gasto sanitario en xeral senón de aportación de limpeza. En canto as quendas da fame, estamos atendendo a tódalas familias que teñen necesidade deses recursos alimenticios. Nós temos banco de alimentos e temos apoio de fondos europeos e da Cruz Vermella dúas veces ao ano e estamos complementando con fondos propios todos os recursos que as familias necesitan que, nestes momentos, é sobre todo leite o produto de maior demanda. Pero se está cubrindo absolutamente todo. Esa é unha parte dos fondos e dos recursos que temos destinados para emerxencia social.

“Estamos atendendo a tódalas familias que teñen necesidade deses recursos alimenticios. Nós temos banco de alimentos e temos apoio de fondos europeos e da Cruz Vermella”

O Concello ten idea de canto lle vai corresponder dese reparto de millóns que veñen de Europa para emerxencia social, para vivendas, para axudar a unha xente que está en situación de exclusión social?
Non, nestes momentos non sabemos dos fondos europeos que cantidade van recibir os Concellos e para que liñas en concreto.

Que interese moveu ao Concello para ingresar no Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular?
Por varias cuestións. Unha por aprender e de mirar experiencias diferentes que teñen os socios do Eixo Atlántico; e doutra porque nós tamén temos cousas que mostrarlles a eles, como por exemplo o noso proxecto da rede do calor, que estiveron sempre moi interesados nela. E non só en proxectos a nivel urbanístico ou de eficiencia enerxética ou a nivel de recuperación de espazo senón tamén a nivel de actividades educativas, ou actividades culturais, que fai pouco fumos á presentación de Braga como cidade cultural do Eixo Atlántico. Esa suma de forzas é moi interesante para nós.

Tamén están no centro de atención aspectos de seguridade viaria e cidadá co respecto á N120 e o acceso da autovía A-52. En que fase están?
Alí hai un proxecto que xa miramos na subdelegación do goberno en Pontevedra, levamos con nós aos veciños da Plataforma N120. A nós parécenos que está ben pero agora falta que o executen. E ó mesmo tempo temos solicitado que se amplíe tamén ese proxecto ao outro lado do río Tea, da rotonda do (Supermercados) Froiz ata a zona de Arcos. De feito é tan importante que tivemos que adiantar unha actuación na zona do Barral para dar seguridade ao alumnado.

Hai posibilidade de transformar a R/ Real nunha avenida municipal?
Si, hai un acordo plenario para facelo. Hai que facer o estudo do que resulte de interese para o Concello de Ponteareas e que nós podamos asumir o gasto dese mantemento. Obviamente, pasalo a que sexa vial municipal, como unha travesía como ocorre noutras cidades.

Como solucionar a situación das casas actuais?
Algunhas que están consideradas de patrimonio municipal e haberá que restauralas. Cada unha terá que mirar en qué situación está.

O plan de urbanismo, o PXOM, que empezou no ano…
2002, cando foi suspendido o plan existente nese momento. Estamos no 2021.

Vai haber PXOM ou non?
Vai haber PXOM. Canto antes.

“Vai haber PXOM. Canto antes”

Acaban de facer un estupendo aparcamento na Finca de Sarmiento. A concelleira de Obras Públicas, Chus Garrote, dixome que alí está previsto un aparcamento subterráneo. É certo?
É un proxecto que temos, de carácter municipal, tería que ser municipal, non con empresa privada, dependendo da situación económica

E o resto da finca, qué está previsto?
Un parque, unha escola infantil.

Algunha instalación para actos públicos, teatrais, culturais?
En principio non.

Edificacións non?
Edificación para escola infantil. E a do Parque Ferro-Ucha é a que está previsto edificar.

Pola que o Concello paga 3.000 euros mensuais, non? Cal é o problema para a súa edificación?
Ter o PXOM aprobado.

“O Auditorio Municipal non se derrumba. O que temos que facer é un proxecto para aillar as filtracións”

E o Auditorio Municipal, cando se derrumba?
Non se derrumba. O que temos que facer é un proxecto para aillar as filtracións.

Pero quen lle pon o cascabel ao gato? O goberno actual? O goberno anterior?
Quen fixo unha obra dun millón de euros que despois ao ano seguinte tiña filtracións de auga e ninguén lle reclamou?

Pero teño información de que non se cumpriran os dez anos…
Iso non ten seguro decenal. As administracións públicas non teñen seguro decenal para as construcións igual que os particulares. É menos tempo, normalmente un ou dous anos. E nese tempo ninguén do goberno nese momento lle reclamou á Deputación como si me confirmaron que esas filtracións era pola obra.

Iso vai para largo?
Dependendo do que nos digan os técnicos.

Este ano haberá auditorio?
Este ano sabremos se se pode ir adiante cunha obra que dea seguridade ao público.

Cando fala de obra, será unha obra nova ou tirando o teito?
Unha obra mínima para arranxar e logo para facer unha obra importante onde se reparen todas as xuntas que hai nas galerías, cristaleiras, nas unións entre as paredes verticais e o teito horizontal e o parque infantil que hai na parte superior. Habería que facer por dentro unha obra importante porque está moi humedecido, corre perigo, aínda que a filtración afecta ao patio de butacas grande, non ao miniteatro nin ao escenario.

“No Corpus Christi 2021 saldrá a procesión igual, xa o párroco nolo solicitou, pero manteremos as medidas de distanciamento. Actuará a Banda Unión de Guláns na Praza Maior”

Sobre a Festa do Corpus Christi deste ano, que diferencias vai haber? Haberá lectura de Pregón, alfombras…?
Co respecto ao ano pasado será moi parecido, na inauguración (o sábado 5 de xuño) presentaremos a Revista Pregón e faremos a lectura do pregón. A pregoeira deste ano é Maite Isla, e logo actuará a Orquestra da Cámara Galega. E ao día seguinte, o domingo, todos aqueles tramos alfombrados que queiran, que son a maioría, farán as nosas alfombras en versión mais reducida, nun 40%, coa mesma calidade artesanal. Saldrá a procesión igual, xa o párroco nolo solicitou, pero manteremos as medidas de distanciamento. Actuará a Banda Unión de Guláns na Praza Maior.
Emitirase vía Streaming e quedará colgado na nosa páxina web cunha reportaxe audiovisual. Tamén o luns será a imposición de distintivos de homenaxe aos nosos alfombristas.

Alcaldesa, pode dirixirse aos veciños de Ponteareas, nestes tristes momentos de relevo da Alcaldía pola morte ex-alcalde Pepe Represas.
Aos veciños quería en principio desexarlles dúas cousas. Que a saúde mellore, que podamos saír desta pandemia, para iso o Concello fará todo o posible non só para que melloren os negocios e a hostalería senón tamén a nivel familiar, en materia de emprego e de economía familiar. E despois tamén a prioridade de devolver o espazo público a todas as persoas para poder tamén reducir o CO2 no medio ambiente e iso irá paralelo ás esixencias das directivas europeas a este respecto.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!